O BNG reclamará en Pleno, a través dunha moción, 3 millóns para a ría do Burgo
A Coruña, 5 de outubro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG rexistrou unha moción para o seu debate no Pleno ordinario de outubro na que reclama que a Corporación lle solicite ao Goberno central que nos orzamentos do Estado para 2014 recolla unha partida específica para a rexeneración da ría do Burgo de, cando menos, 3 millóns de euros. A iniciativa, elaborada a instancias da Confraría de Pescadores da Coruña e da Plataforma pola Defensa da Ría do Burgo, xorde despois de que o Goberno de Rajoy deixara a cero a ría do Burgo nas contas do ano que vén e despois de que Rosana Pérez, deputada do BNG no Congreso, Paulo Carballada, responsábel comarcal, e Xosé Manuel Carril, portavoz municipal do BNG, se reuniran co patrón maior da Confraría, Manuel Cao, e co asesor do pósito coruñés, Luís Dopico.
Na moción, o Grupo Municipal do BNG tamén reivindica un calendario de actuacións, con prazos reais, fixado no BOE e no DOG, para o inicio do plan de rexeneración da ría, así como o seu dragado, tratamento e limpeza de lodos e todas as accións precisas para o seu saneamento integral. Advirten as nacionalistas na iniciativa de que en tan só 24 anos se perderon máis de 2.000 postos de traballo na ría do Burgo. Así, mentres que no 1989 faenaban na ría un total de 2.182 mariscadoras, a día de hoxe, só faenan 132.
O BNG denuncia o desinterese do Partido Popular pola ría do Burgo
As nacionalistas denuncian a ofensa, o desprezo e o abandono do Goberno central ao colectivo de traballadoras do mar ao non consignar nin unha soa partida orzamentaria para o saneamento e rexeneración da ría do Burgo. Salientan que a decisión de destinar 0 euros para o ano 2014 confirma que todas as declaracións realizadas polo Sr. Negreira e pola conselleira de Mar eran falsas. Ademais, as trabas empregadas polo Partido Popular no Parlamento europeo confirman o desinterese desta organización pola ría do Burgo, engaden as nacionalistas.
O Grupo Municipal do BNG advirte de que nun momento de crise económica como o actual, atender as necesidades da ría do Burgo implica non só unha necesidade medio ambiental, senón tamén unha aposta polo potencial da ría como motor da reactivación económica. Estímase que de rexenerarse, aínda que non se sanease na súa totalidade, triplicaríase o número de familias que viven de forma directa da ría. As nacionalistas non entenden como, nestes momentos de desemprego e emigración, o Partido Popular prioriza nos orzamentos o túnel da Mariña, obra carente de interese xeral na que se van gastar 9 millóns de euros, e non a ría do Burgo, cuxa limpeza crearía centos de postos de traballo de calidade.