O BNG reclama nunha moción garantir o subministro eléctrico das familias sen recursos

O BNG reclama nunha moción garantir o subministro eléctrico das familias sen recursos

CarrilA Coruña, 07 de decembro de 2014.- O Grupo Municipal do BNG levará ao pleno ordinario de xaneiro unha moción para garantir o subministro eléctrico ás persoas sen recursos nunha cidade en que a metade das familias chega con dificultade a final de mes. O Bloque reclama na moción que se realicen as modificacións lexislativas necesarias para garantir o subministro enerxético ás familias que estean en situación de pobreza e, entre tanto, adopte medidas prácticas para evitar as dramáticas consecuencias desta problemática nos fogares galegos máis desfavorecidos e solicitar do Goberno español que permita a creación dunha tarifa eléctrica galega que, atendendo á condición de Galiza como excedentaria na produción de electricidade, rebaixe as tarifas tanto para o consumo doméstico como para as empresas.

O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que cada vez son máis as persoas na nosa cidade as persoas que quedan sen prestacións, ao esgotaren as axudas de protección social, sen emprego, sen fogar ou sen poder afrontar o pagamento de hipotecas, alugueres ou servizos básicos como a luz, o gas… ou simplemente poder alimentarse. Precisamente, os datos do Instituto Galego de Estatística, revelan que o 13% dos coruñeses e coruñeses se atopaban en risco de pobreza en 2012, que tres de cada dez persoas vivía dunha prestación social en 2012 e que case un 20% da veciñanza da Coruña vivía con menos de 1.000 euros. Estas cifras serán aínda máis graves unha vez se coñezan os datos de 2013.

O BNG salienta que outro dos factores de vulnerabilidade para moitas familias da Coruña é a pobreza enerxética, e concretamente o subministro eléctrico as súas vivendas. Os datos referidos ao Estado español demostran que, antes de comezar a crise económica, o número de familias que sufrían un corte de luz polo impago do recibo da empresa subministradora era de 600.000 e, durante o ano 2012, foron 1,4 millóns de familias as que padeceron este corte no subministro.

O Grupo Municipal do BNG critica que o PP xustifique o fortísimo encarecemento do recibo da luz dos últimos anos nun suposto déficit tarifario, co argumento de que o prezo da electricidade non cobre os custos de produción. Porén, isto é falso xa que, dada a existencia de tecnoloxías que producen a uns custos moi inferiores, o cálculo do custo de produción a través de poxas xera uns beneficios exaxeradamente elevados aos propietarios desas instalacións de produción.

Mentres en Galiza padecemos os custos sociais e medioambientais que supón a xeración eléctrica, non obtemos ningún beneficio desta condición

Neste contexto, o BNG chama a opoñerse, con absoluta rotundidade, a incrementos no recibo da luz eléctrica que só fan engordar as contas de resultados das grandes compañías eléctricas. Esta situación, salienta o Bloque, prodúcese nun contexto en que Galiza é excedentaria na produción de electricidade. Así, mentres os galegos e as galegas padecemos os custos sociais e medioambientais que supón a xeración eléctrica, non obtemos ningún beneficio desta condición.

 

O BNG reclama nunha moción garantir o subministro eléctrico das familias sen recursos