O aluguer das carrozas da cabalgata aínda foi adxudicado esta mañá
A Coruña, 07 de xaneiro de 2014.- O Grupo Municipal do BNG denuncia que a adxudicación do aluguer das carrozas da cabalgata aínda tivo lugar na mañá de hoxe, ás 09.05h, dous días despois de que a propia cabalgata percorrera as rúas da cidade, tal e como reflicte a páxina web do Concello. E isto, a pesar de que o Goberno do Sr. Negreira, tramitou de forma urxente o expediente do concurso para o aluguer das carrozas. O Bloque xa criticara que, ao tramitar o concurso de forma urxente, o PP reducía o prazo de presentación de propostas de 10 a 8 días. Finalmente, tan só unha empresa se presentou ao concurso.
Pola outra banda, o BNG volve denunciar o custo excesivo da licitación do aluguer das carrozas, que este ano ascendeu a 91.960 euros, un 40% máis que o aluguer das carrozas da cabalgata de 2013 (licitado en 65.000 euros) e un 160% máis que no anterior mandato (licitado en 35.000 euros).
ANO LICITACIÓN ADXUDICACIÓN ADXUDICATARIA
2009 35.000 euros 34.750 Alberto Salas Costas
2010 35.000 euros 34.750 Mª Elisa Iglesias Santomé
2011 35.000 euros 31.234 TEMAGAL, S.L.
2012 63.000 euros 62.498,97 Carlos López Ríos
2013 65.000 euros 51.919,01 VS1 Producción Creativa S.L
2014 91.960 euros XXXXXXXX Ouri Producciones Artísticas, SL
O BNG anuncia que pedirá acceso ao expediente da cabalgata de reis para coñecer por que importe foi adxudicado o aluguer das carrozas e para darlle a coñecer á cidadanía a canto ascendeu o custo total da cabalgata. O ano pasado, tal e como recoñecía e edil de Cultura do PP, a cabalgata custou máis de 200.000 euros.