O BNG reclama no Congreso espazo radioeléctrico para Cuac FM
A Coruña, 3 de setembro de 2012.- O BNG vén de presentar no Congreso dos Deputados, a través do deputado e candidato á Presidencia da Xunta de Galiza, Francisco Jorquera, e da tamén deputada Olaia Fernández, unha iniciativa en relación ao reparto das 86 licenzas de radio en FM. E é que segundo a convocatoria realizada pola Xunta de Galiza o pasado 30 de xullo para repartir todas as frecuencias de FM fican excluídas desas licenzas as radios comunitarias sen ánimo de lucro, como é o caso da coruñesa Cuac FM. Esta iniciativa presentada polos nacionalistas tivo lugar a raíz dunha reunión que mantiveron a concelleira, María Xosé Bravo, a responsábel comarcal, Silvia Seixas, e o parlamentar Bieito Lobeira con representantes de Cuac FM para recoller as preocupacións e demandas desta radio, que emite desde o campus da Universidade da Coruña desde o 1996.
Os nacionalistas advirten na pregunta para a resposta escrita que a exclusión das radios comunitarias conculca o recollido na Lei Xeral de Comunicación Audiovisual 7/2010 no artigo cuarto, que estipula o dereito a recibir unha comunicación audiovisual plural: "todas as persoas teñen dereito a que a comunicación audiovisual se preste a través dunha pluralidade de medios, tanto públicos, comerciais como comunitarios".
A través da iniciativa, o BNG pregúntalle ao Goberno central se pode detallar o contido do expediente que informou do Plan Técnico Nacional de Radiodifusión Sonora en Ondas Métricas con Modulación de Frecuencia, se non considera que a concesión de licenzas de radio en FM debería incluír as radios comunitarias sin ánimo de lucro e se comparte que esa exclusión supón a conculcación do recollido na lei, que recolle o dereito a recibir unha comunicación audiovisual plural.
O BNG considera que a Xunta de Galiza debería rectificar e reservar espazo para as radios comunitarias no concurso para repartir estas licenzas. E é que, ao non haber reserva de prazas para radios libres, emisoras como Cuac FM fican indefensas e cos seus proxectos claramente limitados.