Só faltaría que a Compañía de Tranvías tiver o descaro de subir o IVE no billete
A Coruña, 3 de setembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG denuncia que en lugar de revisar a concesión administrativa da Compañía de Tranvías para baixar o prezo das tarifas e para mellorar o servizo e a frota, o Goberno local acordou hoxe manter as tarifas que os nacionalistas xa cualificaran de desmesuradas dados os substanciosos beneficios da empresa. Segundo as contas de 2011, o Concello da Coruña achegoulle á empresa en concepto de subvencións 8 millóns de euros (incluídas as subvencións ao prezo e as subvencións ao tranvía). Estas axudas representan o 36,28 por cento da cifra de negocios da empresa (como se pode ver no cadro de abaixo) e esta porcentaxe medra continuamente a resultas de que o concello incrementa as subvencións ano a ano (un 11,96 por cento no 2011). Así, o compoñente de subvencións municipais sobre os ingresos da empresa é cada vez maior.
Á vista destes datos, só faltaría, afirma o BNG, que a Compañía de Tranvías tiver o descaro de repercutir nos usuarios e usuarias a suba do IVE, xa que os billetes son desproporcionados en relación aos cuantiosos beneficios da empresa, por conta das axudas municipais. Neste sentido, o BNG rexeita que o Goberno do Sr. Negreira lle permita á Compañía de Tranvías manter as tarifas actuais aínda coñecendo a súa conta de resultados.
Os nacionalistas, que rexeitaran a suba das tarifas a que tivo lugar a principios de ano, insisten en defender, como veñen facendo desde o pasado ano con numerosas iniciativas e mesmo a través dunha campaña pública a revisión da concesión da Compañía de Tranvías, que tivo como consecuencia que máis de 2.000 coruñeses e coruñesas solicitaran por rexistro a revisión da concesión neste sentido. O obxectivo: abaratar as tarifas e mellorar os servizos e a frota.
O BNG advirte de que este compromiso asumido pola Compañía de Tranvías de manter as mesmas tarifas non pode ser por conta do Concello da Coruña
Pola outra banda, o BNG alerta de que segundo o acordo da Xunta de Goberno local de hoxe (cuxa copia se achega) o Concello da Coruña comprométese a adoptar as modificacións orzamentarias necesarias para atender os compromisos derivados da execución deste acordo, e, en consecuencia, a súa efectividade queda condicionada á existencia do crédito axeitado e suficiente que permita a súa cobertura. Neste sentido, os nacionalistas salientan que este compromiso asumido pola Compañía de Tranvías de manter as mesmas tarifas non pode ser conta do Concello da Coruña.
Os nacionalistas insisten neste punto concreto, tendo en conta que a propia XGL tamén tomou coñecemento que a tarifa de taxi que neste Concello se estaba aplicando continuará sendo a mesma xa que o incremento do tipo impositivo do IVE é asumido polos prestadores do servizo de taxi até o final de 2012. Neste punto, o Goberno local, a diferenza do que sucede coa Compañía de Tranvías, só se limita a indicar que se manteñen as tarifas de taxi aprobadas en Xunta de Goberno Local a data 2 de decembro de 2011, autorizadas pola Dirección Xeral de Comercio da Consellaría de Economía e Industria da Xunta de Galiza o 30 de decembro de 2011.