O BNG propón revisar a canceira municipal para que deixe de ser un "centro de exterminio"
A Coruña, 3 de xaneiro de 2012.- A concelleira nacionalista Avia Veira deu esta mañá unha rolda de prensa, acompañada polo responsábel da asociación animalista Libera, Rubén Pérez, despois de visitar, o pasado 19 de decembro, as instalacións da canceira municipal, cuxas "instalacións e prestacións son, cando menos, mellorábeis", sinalou. A nacionalista explicou que a concesión, nos termos actuais, "non beneficia nin a cidadanía, polos horarios imposíbeis que ten, nin os animais". Porén, a concesión cústalle ao Concello da Coruña, cada ano, 150.000 euros.
Veira denunciou que o centro carece de veterinario ou veterinaria, polo que a empresa concesionaria deriva os animais a unha clínica privada da cidade. "O normal e o máis eficiente economicamente sería que a canceira contase cun veterinario ou veterinaria propia", apuntou.
Tamén denunciou que non se realizan suficientes campañas de sensibilización para evitar o abandono dos animais e para promover a adopción, xa que "as campañas que se fan non son suficientes nin cuantitativa nin cualitativamente canto ao material e ás actividades que deberían complementalas". Nesta liña, advertiu de que o horario de atención á cidadanía tampouco favorece a adopción de animais, pois a hora de peche é ás 13.30 horas polas mañás e ás 18 horas pola tarde.
Ademais, a concelleira do BNG criticou que o contrato do servizo de recolla e adopción de animais domésticos non conte coa obriga de esterilizalos, como se fai en moitos outros centros destas características co fin de evitar a cría descontrolada, para non sobresaturar a canceira e para diminuír os sacrificios.
Neste contexto, Veira presentou unha batería de iniciativas co fin de que o Goberno municipal faga un uso eficiente dos recursos públicos na canceira e para instalo a facer un seguimento veraz do servizo. Así, deu conta do rogo en que solicita que o Goberno municipal revise os termos da concesión para mellorar as instalacións e a prestación da canceira. "Consideramos que se poden mellorar as prestacións se se incorpora un veterinario ou veterinaria, que resultaría moito máis barato que derivar os animais a clínicas privadas", expuxo.
Tamén presentou unhas preguntas para a resposta escrita nas que cuestiona o Goberno municipal se lle está a esixir á empresa concesionaria, con cuantiosos beneficios, que realice outro tipo de campañas, máis eficaces, non só orientadas á adopción, senón tamén á concienciación contra o abandono dos animais domésticos. Ademais, pregúntalle se está a tomar as medidas oportunas para que se faga seguimento en tempo real da actividade que realiza o servizo e por que non se recolle nas cláusulas da concesión que é necesario o veterinario nas instalacións dun servizo de recolla e adopción de animais domésticos.
Libera calcula que só se adoptan entre o 30 e o 35% dos animais que entran na canceira municipal
Na mesma liña, o portavoz de Libera criticou a escaseza da promoción de adopcións e o abandono ao que está sometida a canceira. Puxo como exemplo a páxina web, de titularidade municipal mais xestionada pola concesionaria, que leva sen actualizar desde o 2008. Ademais, esixiu o cambio de modelo deste servizo, co fin de que a canceira "deixe de ser un centro de exterminio e se converta nun centro de acollida". Segundo os datos do colectivo, na canceira municipal só se adopta entre o 30 e o 35% dos animais que entran.
Rubén Pérez puxo de manifesto que o Concello ten que apostar pola sensibilización, por campañas de esterilización e por campañas para a implementación do microchip. Tamén propuxo fomentar a participación cidadá porque "moitas persoas nin sequera saben onde se atopa a canceira e non saben tampouco os trámites que hai que seguir para adoptar un animal.
O BNG denuncia nunha iniciativa a sabotaxe a Galiza, Mellor sen Touradas e a Moz@s pola Abolición
Veira tamén anunciou na rolda de prensa a presentación dunha iniciativa por parte do BNG para denunciar a sabotaxe a Galiza, Mellor sen Touradas e a Moz@s pola Abolición, con faixas e cartaces danados e roubados. Nos últimos días, a campaña informativa das mocidades antitouradas sufriu insultos e comentarios despectivos e discriminatorios en base á identidade sexual. Así, a nacionalista presentou unha serie de preguntas para a resposta escrita nas que se interesa por estes episodios "do radicalismo taurino máis rancio".