O BNG denuncia que os orzamentos da Xunta confirman o atraso das obras do Parrote
A Coruña, 2 de xaneiro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG sinala que os orzamentos da Xunta de Galiza evidencian o atraso das obras do Parrote, que o Goberno do Sr. Negreira prometera acometer en 18 meses. Despois de que a Xunta de Goberno Local aprobara as licenzas o 28 de setembro de 2012, prevíase que o groso das obras se acometese no 2013. Precisamente, ademais das numerosas declaracións do alcalde ao respecto, tamén recollía esta previsión o convenio asinado entre o Goberno municipal e a Autoridade Portuaria en xaneiro do 2012. En virtude deste acordo, as anualidades previstas eran as seguintes: no 2012, 1.500.000 euros; no 2013, 12.000.000 euros e no 2014, 593.387,62 euros.
Á vista dos orzamentos municipais e galegos, as anualidades recollidas neste convenio para a execución do viario do Parrote non se van cumprir. Os orzamentos municipais do 2012 recolleron unha previsión de gasto de 3 millóns de euros para viais soterrados na Mariña e no Parrote, uns cartos financiados, na súa totalidade, mediante empréstito. E os orzamentos municipais do 2013 recollen unha previsión de gasto de 1 millón de euros. En canto aos orzamentos da Xunta de Galiza, os do 2012 recollían unha previsión de gasto de 20.000 euros no Parrote e os do 2013, que vimos de coñecer, consignan 3 millóns de euros.
Isto significa que para o 2013, ano en que se prevía acometer o groso das obras, só se destinan 4 millóns de euros (3 millóns achegados pola Xunta de Galiza e 1 millón achegado polo Concello), fronte aos 12 millóns que recollía o convenio do Concello e da Autoridade Portuaria, é dicir, 8 millóns menos do previsto.
Segundo as previsións anuais que recollen os orzamentos da Xunta de Galiza para 2013, o groso das obras do Parrote, ao contrario do afirmado polo alcalde en repetidas ocasións, acometeríanse no 2014. E é que as contas da Xunta prevén destinar no 2014 un total de 7 millóns de euros e 2 millóns de euros para o 2015. Porén, estas previsións nin vinculan nin lle implican obrigas ao Goberno galego.
Por último, o Grupo Municipal do BNG critica que a Autoridade Portuaria non achegue nin un só céntimo para a execución destas obras, que teñen lugar, precisamente, en terreos propiedade desta entidade. Lembran os nacionalistas que non houbo cobertura orzamentaria para O Parrote por parte do Goberno central, que debería cofinanciar este agasallo do Sr. Negreira a Copasa.