O BNG presenta unha moción para anular o expediente de sancións @s emigrantes retornad@s
A Coruña, 7 de outubro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG presentou unha moción para o debate na sesión plenaria de mañá, martes, contra as inxustas sancións ao colectivo de emigrantes retornados afectados pola reclamación da Axencia Estatal Tributaria. As nacionalistas pediranlle á Corporación que se manifeste en apoio das persoas beneficiarias de pensións recibidas e emprazarán o Pleno a lle esixir a Xunta de Galiza o estabelecemento de mecanismos para colaborar co Concello da Coruña na prestación de asesoramento a todas as persoas que o precisaren.
Ademais, o Grupo Municipal do BNG instará o Pleno a demandar do Goberno español a anulación inmediata de todos os expedientes sancionadores recibidos por persoas beneficiarias de pensións no estranxeiro por non tributaren por estas cantidades nos exercicios seguintes ao 2008 tendo en conta o absoluto descoñecemento que tiñan desta obriga tributaria. Tamén reclaman as nacionalistas que o Goberno central inicie unha campaña de información a todas as persoas afectadas das súas obrigas tributarias futuras, anulando os requirimentos relativos aos exercicios comprendidos entre o 2008 e 2012 e que revise os convenios marco con outros países para evitar que situacións como esta volvan acontecer no futuro.
O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que son moitas as persoas emigrantes retornadas afectadas no Concello da Coruña e advirte de que estas persoas nunca recibiron ningún tipo de información en relación coa súa obriga de declararen as contías das pensións percibidas no estranxeiro. Existía un descoñecemento total da obriga de facer a declaración anual do IRPF, o que confirma a falta de intencionalidade ou fraude por parte destas. De feito, os estados pagadores nunca lles expediron ningunha certificación en relación coas cantidades percibidas.
Con estes antecedes, ás nacionalistas resúltalles sorprende que cinco anos máis tarde estas persoas reciban o requirimento por parte da Axencia Tributaria, coa advertencia dunha posíbel multa por non teren cumprido coas obrigas tributarias que descoñecían. Esta situación inxusta, salientan, contrasta coa dos evasores fiscais que se benefician dunha amnistía.
O BNG reclamará en Pleno preservar o patrimonio artístico das extintas caixas galegas
Ademais, o Grupo Municipal do BNG instará o Pleno da Coruña a preservar o patrimonio artístico de Caixanova e de Caixa Galicia. Para iso, reclamarán o apoio da Corporación para que a Xunta de Galiza lle solicite ao Goberno central a transferencia dos fondos artísticos que forman parte de Novagalicia Banco.
Non é a primeira vez que o BNG leva a Pleno unha iniciativa semellante. En decembro de 2011, as nacionalistas presentaban unha moción no mesmo sentido que o PP impediu debater. Tamén en xullo deste mesmo ano, o BNG presentaba un rogo oral encamiñado a evitar o espolio do patrimonio artístico das extintas caixas. Lembran as nacionalistas que as defuntas Caixanova e Caixa Galicia posuían unha das coleccións de arte máis relevantes do Estado e unha das máis significativas de arte galega moderna e contemporánea, tanto en pintura como en gravado e escultura. Advirten de que este patrimonio foi adquirido cos beneficios dos aforros dos galegos e galegas e que a día de hoxe o seu futuro é máis que incerto.
Xunto a estas dúas mocións, o BNG tratará de que o Pleno debata a iniciativa na que solicita que os orzamentos xerais do Estado recollan 3 millóns de euros, como mínimo, para a rexeneración da ría do Burgo, unha mocións que foi anunciada publicamente no día de onte.