O BNG presenta iniciativas a respecto do IES Monte das Moas para evitar o seu deterioro
A Coruña, 13 de abril de 2016.- O Grupo Municipal do BNG vén de presentar distintas iniciativas, tanto no Concello da Coruña, como a través do Grupo Parlamentario na Cámara galega, para que se atendan as problemáticas que a comunidade escolar do IES Monte das Moas vén denunciando diante da Xefatura Provincial de Educación e que non foron atendidas.
E é que as nacionalistas se entrevistaron con representantes da ANPA no propio instituto e puideron comprobar de primeira man como as demandas están sobradamente xustificadas e requiren dunha solución inmediata, xa que logo, o deterioro do centro pode chegar a provocar que no futuro as instalacións non poidan ser recuperábeis.
O Grupo Municipal do BNG recolle as demandas da comunidade escolar do IES Monte das Moas e trasládallelas tanto ao Concello como ao Parlamento a través de distintas iniciativas
Así, o BNG sinala que a comunidade escolar, durante o outono e inverno pasados, informaron á Xefatura Provincial de constantes filtracións de auga a través do tellado. Estas filtracións afectan a corredores, aulas e despachos, abríndose múltiples pingueiras que provocan o asolagado dos andares e dos pisos. Esta situación está dando lugar na actualidade a situacións que incluso poden chegar a resultar potencialmente perigosas para o alumnado, persoal docente e persoal administrativo e laboral que de cotío están no centro, isto é case 600 persoas, 526 correspondente a alumnado e máis de 70 correspondente ao persoal funcionariado e laboral que desenvolve o seu traballo nas instalacións e persoas membros da ANPA, denuncian as nacionalistas.
As representantes do Grupo Municipal do BNG puideron comprobar como as pingueiras non son illadas e afectan ao corredor principal, en diversas zonas e con distintas intensidades, nalgún momento con auténticas riadas que asemella que está chovendo dentro do propio centro, a varias aulas, entre elas a aula número 22, o que provocou o malfuncionamento de instalacións eléctricas, inhabilitando, un foco de tubos de neon, e que na actualidade amosa o seu cableado ao aire, ou a aula 24, que filtra a través do seu teito, e de varías vías na súa parede posterior, a auga, ou mesmo a aula de titorías da planta superior, que ten na actualidade toda a pintura da parede desconchada e deteriorada, cun evidente grao de humidade que impide o emprego da aula cun mínimo de condicións, e que pola súa parte exterior, que dá ao descanso de acceso á cafetaría, ten canalizada a tubaxe da calefacción, provocando a acumulación de oxido e o seu deterioro.
O BNG presenta iniciativas para a reparación do tellado e das constantes pingueiras que hai dentro do centro e que están provocando o deterioro das instalacións, sobre a adaptación do centro á Lei 10/2014, de 3 de decembro, de accesibilidade, e para a reparación do valado perimetral exterior
Por outra banda, tamén as nacionalistas recolleron as denuncias da comunidade escolar a respecto das limitacións de acceso ás instalacións do centro. Deste xeito, desde hai varios anos veñen de reclamar diante da Xunta de Galiza a adaptación do Instituto a criterios de accesibilidade, coa perspectiva de adaptación aos criterios que se esixen na Lei 10/2014, de 3 de decembro, de accesibilidade e no Real decreto lexislativo 1/2013, de 29 de novembro, chegando incluso a realizar no seu momento un estudo para a implantación de elevadores no interior das instalacións educativas desbotando finalmente a proposta polo elevado custe de mantemento que se require e que hipotecaría o orzamento do centro.
As instalación do propio centro están divididas en dous andares e un semiandar, onde esta situada a porta principal de acceso ao recinto educativo, e todos eles comunicados mediante escaleiras, que impiden ás persoas con mobilidade reducida e con diversidade funcional o acceso ás distintas aulas e despachos, polo que cumpre realizar as obras necesarias para a súa adaptación sinalan Avia Veira.
As nacionalistas entrevistáronse coa comunidade escolar no propio instituto onde puideron observar de primeira man as deficiencias que denuncian
Asemade, o acceso desde a entrada de vehículos desde o exterior, desde a rúa Monte das Moas, dá pé o andar máis inferior de todos, polo que calquera persoa con diversidade funcional tampouco pode acceder a outras instalacións que non sexan as que se sitúan nesa planta inferior, e incluso a rampla de acceso desde o aparcamento tampouco reúne as condición mínimas requiridas para poder ser empregada por persoas con algún tipo de discapacidade. De todas estas situacións ten coñecemento a Xunta de Galiza, sobre todo pola circunstancia de atoparse na actualidade unha alumna cunha incapacidade temporal que lle obriga ao emprego dunha cadeira de rodas e que só pode acceder ás instalacións do centro desde o acceso para vehículos, e unha vez dentro del, a permanecer no andar inferior xa que non pode desprazarse aos andares superiores. Preguntámonos por que a Consellaría de Educación non realiza ningunha actuación para solucionar esta situación, continua a concelleira nacionalista.
Por último o Grupo Municipal do BNG presentou un rogo para a reparación do valado perimetral exterior do recinto educativo que na actualidade presenta un estado de deterioro moi significado, con varias zonas tiradas, ademais de solicitar unha urxente roza e mantemento toda a contorna vexetal, e onde se atopa unha árbore caída, co evidente perigo que isto supón.