O BNG pregunta polo resto da paga extra que aínda se adebeda ao funcionariado
A Coruña, 8 de marzo de 2016.- O Grupo Municipal do BNG vén de rexistrar sendas preguntas nas que solicita do Goberno municipal aclaracións a respecto do aboamento da parte pendente da paga extra do ano 2012 e que aínda non foi aboada.
O Grupo Municipal do BNG pregúntalle ao Goberno municipal por que aínda non se fixo efectivo o aboamento da parte da paga extra pendente ao funcionariado do Concello
As nacionalistas sinalan que xa ten transcorrido case o primeiro trimestre do ano e o funcionariado do Concello da Coruña segue sen percibir a porcentaxe restante da paga extra de 2012 ao que ten dereito e que foi secuestrada polo Goberno do PP.
O BNG lembra que o Executivo local, en mesa de negociación, comunicou ao cadro de persoal do Concello da Coruña o seu compromiso a facer o abono da mesma a principios de ano, mais aínda isto non aconteceu. E tampouco hai previsión de que isto vaia acontecer neste mes de marzo.
É por isto que o Grupo Municipal do BNG pregúntalle ao Executivo local por que aínda o Goberno municipal non ten aboado, tal e como se lle comunicou á representación das traballadoras e traballadores en mesa de negociación, a porcentaxe pendente da paga extra de 2012.
As nacionalistas solicitan ao Executivo local que aclare cando vai facer efectivo o pago
O Bloque, nesta mesma iniciativa tamén pregunta para cando ten pensado realizar ese pago.