O BNG segue agardando pola resposta ás súas achegas aos orzamentos
A Coruña, 7 de marzo de 2016.- O Grupo Municipal do BNG amosa a súa sorpresa por ter coñecemento a través dos medios de comunicación de que o Goberno municipal vai levar a unha vindeira Xunta de Goberno o proxecto de orzamento municipal e sen aínda terlle contestado ás propostas achegadas hai xa case dúas semanas.
O Grupo Municipal do BNG amosa a súa sorpresa por ter coñecemento a través dos medios de comunicación da intención do Goberno municipal de levar o proxecto de orzamentos a unha Xunta de Goberno sen ter aínda contestado á súa proposta
E é que as nacionalistas lamentan que, doutra volta, teñan coñecemento a través dos medios de comunicación de cales son as intencións do Executivo local e aínda sen ter contestado por escrito, tal e como lle solicitaran, á demanda de saber cales son a totalidade de achegas aceptadas e mesmos que aínda non teñan á súa disposición os documentos definitivos que se van a tratar na mesma.
O BNG leva agardando desde o luns día 29 a demanda de concreción de cales das súas achegas foron aceptadas e cales non e que encaixe teñen no conxunto dos orzamentos
Nós tivemos coñecemento de que se vai a levar unha proposta de orzamento nunha vindeira Xunta de Goberno a través dos medios de comunicación. Isto lamentámolo, e non cremos que sexa o proceder normal ante a importancia de elaborar un documento como os orzamentos municipais. Ao longo da mañá, e despois da comparecencia pública do Alcalde, remitíusenos unha carta onde se fai unha declaración de intencións con cifras e con achegas feitas polo BNG e, supostamente, tamén polo PSOE. A realidade é que seguimos sen que se nos achegue o expediente completo do orzamento que se propón, sinala Avia Veira.
Avia Veira: Do mesmo xeito que nós lles fixemos unha proposta ordenada, concreta e priorizada do que para nós debían ser actuacións inmediatas a incluír nos orzamentos agora esiximos que o Goberno municipal nos achegue os documentos do expediente definitivo e non unha carta con frases grandilocuentes
O BNG lembra, tamén, que non se lle pode esixir, a estas alturas «sumar» xa que foi a única forza que desde que comezou o proceso de elaboración dun proxecto fixo propostas concretas e orzamentadas, con prelación de actuacións e cun innegábel esforzo por realizar de vez un cambio radical ás políticas austericidas que aplicou o PP en orzamentos de anos anteriores.
Cando as negociacións entre a Marea e PSOE fracasaron a finais de xaneiro o BNG tomou a iniciativa e convidou a participar nunha reunión a tres ás forzas que nos sumamos para facer un cambio de políticas na cidade. Isto foi o 3 de febreiro, e nin a Marea e nin o PSOE quixeron participar. Dúas semanas máis tarde, o 16 de febreiro, convocóusenos a unha reunión na que tivemos un cambio de impresións co Goberno municipal pola que nos emprazamos sete días máis tarde, o día 23, para tratar polo miúdo propostas e achegas. Así fixo o BNG. Presentamos por escrito 139 actuacións concretas: 40 referidas a vías públicas, 7 referidas á área de sumidoiros, 82 referidas a outras actuacións nos barrios e 10 referidas a propostas de áreas concretas dos orzamentos, aportando altas e minoracións, e no contexto dunha proposición razoada... A única resposta que tivemos foi un documento no que se resumía a concordancia con nós en moitas das actuacións que propoñiamos mais en ningunha parte se reflectían no concreto esas concordancias. E así llo comunicamos e, o 29 de febreiro, solicitamos que especificasen por escrito, como fixemos nós, por responsabilidade e por reciprocidade, que achegas do BNG eran aceptadas, «ese 90% de achegas» que anunciou publicamente o Alcalde que se aceptaban. Aínda seguimos agardando. Incluso o xoves da semana pasada remitimos un correo electrónico preguntando se recibiran a nosa solicitude, preocupadas por sacar adiante definitivamente un acordo. E hoxe temos coñecemento pola prensa de que se vai a levar a unha vindeira Xunta de Goberno a proposta de orzamento. Isto fai que no BNG preguntémonos se as nosas propostas, nalgún momento, foron tidas en conta coa mesma seriedade coa que nós abordamos todo este proceso, conclúe Avia Veira.
Artigos relacionados
- O BNG non determinará o seu voto sobre o orzamento até ter acceso ao expediente definitivo
- O BNG trasladoulle ao Goberno municipal as súas propostas para os orzamentos
- O BNG achegará as súas propostas para os Orzamentos
- Avia Veira: Estamos dispostos a falar de propostas para facer os orzamentos canto antes"
- O BNG introducirá os orzamentos na Comisión de Portavoces convocada para mañá
- Veira: Tomamos a iniciativa e convocamos esta reunión para traballar con seriedade, con propostas"
- O BNG convoca á Marea e ao PSOE para dar saída aos Orzamentos 2016
- O BNG insta a Marea e o PSOE a que abandonen a dramatización nos Orzamentos 2016
- Orzamentos 2016: "Demandamos que se emitan por streaming as reunións Marea-PSOE" ironiza Avia Veira
- Por que nos achegaron onte os que "parecen ser" os Orzamentos 2016?
- Veira: É insostíbel que se prorroguen indefinidamente os orzamentos do PP de 2015"