SERVIZOS SOCIAIS
O BNG demanda que se descentralicen os Servizos Sociais Municipais
O Grupo Municipal do BNG vén de presentar está mañá un rogo oral no que demanda a descentralización dos Servizos Sociais Municipais
A decisión política adoptada polo Goberno municipal anterior do Partido Popular de centralizar os Servizos Sociais Municipais, aínda vixente, vai contra o principio de descentralización e de proximidade dos servizos sociais
Esta decisión supuxo a eliminación do profesional de referencia que recolle a lexislación, o Decreto 99/2012 polo que se regulan os servizos sociais comunitarios, e a Lei 13/2003 de Servizos Sociais de Galiza
A Coruña, 16 de outubro de 2015.- O Grupo Municipal do BNG rexistrou esta mañá un rogo oral de cara ao próximo Pleno ordinario no que lle demanda ao Goberno da Marea Atlántica a descentralización dos Servizos Sociais Municipais para achegalos a quen os precisa volvendo a prestalos desde os Centros Cívicos Municipais.
O Bloque sinala que esta demanda vén motivada pola decisión, en maio de 2013, do Goberno municipal, en mans do Partido Popular pola que executou o desmantelamento dos servizos sociais comunitarios básicos nos centros cívicos da cidade e, nunha decisión contraria ao que indican as persoas expertas e a lexislación, fixo desaparecer a persoa profesional de referencia, o que supuxo unha modificación na estrutura dos Servizos Sociais Municipais que marcou un antes e un despois. As nacionalistas xa denunciaran a aquela altura que con esta reestruturación, o Goberno do Sr. Negreira eliminou o principio de descentralización e de proximidade dos servizos sociais pois os servizos que até ese momento se prestaban nos centros cívicos foron centralizados en só tres puntos da cidade: Monte Alto, Ágora e Catro Camiños.
O BNG manifesta que esta decisión política, contra a que se opuxo reiteradamente durante o mandato anterior, supuxo a eliminación do profesional de referencia ao que alude a lexislación, tanto o Decreto 99/2012 polo que se regulan os servizos sociais comunitarios, que no seu artigo 4, salienta o dereito das persoas usuarias a teren asignada unha persoa profesional de referencia que actúe como interlocutora principal e que asegure a coherencia da intervención, así como a Lei 13/2003 de Servizos Sociais de Galiza que se refire ao longo da normativa á profesional de referencia mais nomeadamente dedica o seu artigo 24 a esta.
Deste xeito, as nacionalistas, a través deste rogo demandan que o Goberno municipal actual volva levar a atención cara ás persoas e achegue de novo os Servizos Sociais Municipais a quen os precisa volvendo a prestalos desde os Centros Cívicos Municipais.