O BNG pide unha solución aos despidos da Rede Galega de Quioscos
A Coruña, 10 de outubro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG formulou na pasada sesión plenaria un rogo oral co fin de resolver o conflito laboral da Rede Galega de Quioscos (pertecente a Cogami), que despediu 8 persoas que traballaban na Coruña, algunha delas en situación de risco de exclusión social. As nacionalistas solicitan a mediación do Goberno do Sr. Negreira para garantir a inserción laboral das persoas despedidas.
As nacionalistas explican que a 15 de maio de 1998 asinábase un convenio entre o entonces alcalde da cidade, Francisco Vázquez, e o Presidente de Cogami, Domingo Dosil, que daría lugar á licenza de apertura de 5 quioscos na cidade. Nese convenio recollíase como principal obriga de Cogami a reinserción sociolaboral de persoas diminuídas físicas. Este compromiso, sinalan, foi incumprido, despois de que a Rede Galega de Quioscos decidira botar a rúa as 8 traballadoras nos meses de xullo e agosto do presente ano. Engade o BNG que a Rede Galega de Quioscos despediu en toda Galiza 27 persoas este mesmo ano.
Entre as despedidas hai persoas que se atopan en risco de exclusión social
Despois de consultar o expediente, Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que o convenio entre Cogami e o Concello leva 10 anos caducados. De aí que as nacionalistas lle pidan ao Goberno do Sr. Negreira que regularice a situación e que sente as partes en conflito. Advirten de que entre as despedidas hai persoas que se atopan en risco de exclusión social.
Así, no rogo, as nacionalistas reclámanlle ao alcalde que, coa maior brevidade posíbel, se busque unha fórmula acaída que obrigue a Cogami a respectar o compromiso adquirido e que non sexa papel mollado a reinserción sociolaboral das persoas diminuídas físicas. Tamén piden que o Concello non se inhiba e que consiga que Cogami poida iniciar un proceso de diálogo que dea solución a este conflito, na medida en que existen entre as despedidas persoas en risco de exclusión social.
En materia de convenio, o Grupo Municipal do BNG pide que se formalice outro convenio entre o Concello e Cogami que leve necesariamente aparellada a resolución deste conflito. Solicita, ademais, que o novo documento recolla a necesaria reubicación de algún quiosco para, dese xeito, mellorar o rendemento económico, sempre que estea ligado á readmisión deste grupo de persoas nunha situación de grande desprotección e vulnerabilidade.
Por último, o Grupo Municipal do BNG solicita que, coa maior celeridade posible, persoal técnico do Concello realice un informe sobre a adaptabilidade dos quioscos tendo en conta as distintas discapacidades das persoas empregadas.