O BNG pide garantías de igualdade para os equipos femininos nos convenios do Concello cos clubs de hóckey
Esta igualdade de condicións está moi lonxe de se producir neste momento. A discriminación é moi evidente, por exemplo, no Liceo feminino: mentres o equipo masculina fai os desprazamentos en avión, o feminino –que tamén compite na OK Liga- os fai en furgoneta.
Esa desigualdade –que se manifestaba tamén en que as xogadoras se tiñan que duchar na casa despois dos adestramentos ou na carencia dun servizo de lavandaría- acabou por provocar a dimisión do adestrador do equipo sénior feminino.
A situación denunciada na moción de decembro –denuncia por medio dunha pregunta por escrito o noso voceiro en María Pita, Francisco Jorquera- dista de estar resolta.
Así, ao equipo feminino, relata, ofrecéselle como única alternativa á viaxe en furgoneta facer os desprazamentos en avión no propio día e, no caso de non ser posíbel, “durmir no aeroporto”. E de feito nesas condicións teríase producido a última viaxe da escuadra coruñesa a Catalunya, para xogar na pista do Bigues e Riells.
O BNG pondera o “grande traballo que desenvolveu e continúa a desenvolver o Hockey Club Liceo” –verdadeiro emblema do deporte na nosa cidade-, mais “o dereito á igualdade efectiva entre homes e mulleres esixe corrixir estas situacións”, alega Jorquera. E o rol do Concello é clave para colaborar “no seu ámbito de competencia”, para os equipos e deportistas femininas poderen desenvolver a súa actividade deportiva en plenas condicións de igualdade.
Nestes momentos estanse a establecer os convenios de colaboración –no caso do Liceo, no proxecto de orzamentos figuran dúas partidas, unha xenérica de 90 mil euros e outra de 100 mil para a realización na nosa cidade da Golden Cup de Hóckey- e, por tanto, é o momento de que se inclúan neses documentos garantías que aseguren a práctica deportiva en igualdade de condicións, conclúe Jorquera.