O BNG pide no Parlamento que a Xunta interceda para que non haxa despedimentos en Atento
A Coruña, 11 de abril de 2013.- O portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, vén de presentar unha batería de iniciativas nas que empraza a Xunta de Galiza a interceder para que non se fagan efectivos os 142 despedimentos no centro de traballo que a empresa Atento Teleservizos posúe na Coruña. Francisco Jorquera e Montse Prado rexistraron dúas proposicións non de lei para o debate en Pleno e para o debate en Comisión para instar o Goberno galego a realizar xestións ante Atento para que non se produzan estes despedimentos; paracancelar todos os servizos que a Xunta de Galiza e o Parlamento de Galiza teñan con Movistar, para a que a compañía Atento presta os seus servizos (no caso de que a empresa despida estas 142 persoas) e para que o Goberno galego inste o Congreso dos Deputados a derrogar a reforma laboral, por ser prexudicial para os intereses da clase traballadora e por ser un dos principais instrumentos para destruír masivamente emprego no noso país.
Jorquera sinala na iniciativa que "o Goberno da Xunta ten a obriga de defender as empregadas e os postos de traballo en Galiza e ten a obriga, tamén, de condenar as prácticas abusivas deste tipo de empresas". Advirte ao respecto de que a única xustificación que deu Atento para o despedimento destas 142 persoas é unha suposta diminución do volume de chamadas deste servizo, que se debe ao desvío de chamadas a outros centros de traballo: unha práctica habitual neste tipo de empresas do telemarketing cando quere desfacerse dun número importante de traballadoras. Ademais, afirma que o desvío de chamadas a outros centros de traballo conculca os dereitos dos e das usuarias e incumpre o compromiso da empresa de atender as chamadas nos centros de traballo do Estado español e nos que se sitúan máis perto do fogar das persoas usuarias.
O portavoz do BNG no Parlamento de Galiza alerta na iniciativa de que a Lei 3/2012, de 6 de xullo, de medidas urxentes para a reforma do mercado laboral, deu acubillo ás decisións empresariais de propoñer despedimentos colectivos diante dunha situación de diminución de ingresos ou vendas. En reiteradas ocasións, o BNG xa advertira de que a reforma laboral, lonxe de crear emprego, ía destruír postos de traballo e ía precarizar a calidade de vida da clase traballadora.
O BNG pide a implicación do alcalde da Coruña
Tamén en relación co anuncio dos despedimentos en Atento, o Grupo Municipal do BNG no Concello da Coruña, que está a participar nas concentracións convocadas polas traballadoras, esíxelle ao alcalde, o Sr. Carlos Negreira, que se implique na defensa dos postos de traballo. As nacionalistas critican a inacción e o pasotismo do Goberno municipal ante as malas noticias que vimos de coñecer estes días: case 400 postos de traballo destruídos na cidade entre Atento, Darty e os máis que probábeis despedimentos na fábrica de armas.
O Grupo Municipal do BNG insiste en reclamarlle ao Goberno do Sr. Negreira que interveña para evitar a destrución de postos de traballo en Atento e advírtelle de que se se levasen a cabo estes despedimentos debería restituír, de inmediato, as relacións e contratos que mantén o Concello da Coruña con Movistar.