O BNG pide a intervención ou secuestro da concesión administrativa de Albada
A Coruña, 24 de setembro de 2013. Agás para o Goberno Local do PP, a ninguén se lle escapa que a situación da planta de Nostián é tan extraordinaria que exixe a adopción de medidas extraordinarias, entre elas a intervención administrativa (ou secuestro) da concesión administrativa de Albada, sempre coa finalidade de garantir a prestación do servizo público da recollida e tratamento do lixo en condicións de normalidade e que non se están a dar na actualidade por culpa da concesionaria.
No lugar de criticar tanto ao BNG, o Goberno local debería ser máis autocrítico coa súa xestión en Nostián, unha vez que quedou rexeitada polo Consello Consultivo de Galiza a revisión de oficio chapuceira aprobada polo propio Goberno municipal en decembro de 2011 (confirmándose o que viña dicindo o BNG, que nin o procedemento nin o momento escollidos para revisar e suspender o acordo de abril de 2011, que non contou co voto a favor do BNG, eran os máis oportunos e que había que esperar ao resultado das auditorías) e unha vez que, con isto, tamén quedou aberta a vía da responsabilidade patrimonial do Concello da Coruña e que podería derivar no pago de indemnizacións económicas á Albada.
E no lugar de criticar tanto ao BNG, o Goberno local debería explicarlle á cidadanía as razóns polas que non quere intervir a concesión administrativa de Albada, tal e como lle está a propoñer o BNG, e explotar directa e temporalmente a planta de Nostián por conta económica de Albada para garantir a normal prestación do servizo público de recollida e tratamento de lixo.
Se o Goberno Local se nega a intervir a concesión, debería explicarlle e xustificarlle á cidadanía as razóns da súa negativa
Se o Goberno local se nega a intervir a concesión, debería explicarlle e xustificarlle á cidadanía as razóns da súa negativa, tendo en conta que a explotación temporal e directa da planta se faría co mesmo persoal e material da Albada. Tendo en conta, ademais, que o Concello da Coruña designaría a un interventor que substituiría ao persoal directivo da empresa contratista, ao que debería facer caso Albada e ao que pagaría Albada. Tendo en conta que a intervención administrativa non suporía alteración algunha do risco, dado que a explotación seguiría realizándose por conta e risco económicos de Albada como concesionaria. E tendo en conta, en fin, que finalizada a intervención administrativa, agás que se proceda a rescisión da contrata, a explotación sería devolta ao concesionario xunto co saldo que resulte, logo de que fosen satisfeitos todos os gastos causados, incluídos os honorarios dos interventores e deducida a contía das penalidades que puidesen ser impostas polos danos e prexuízos ocasionados ao Concello da Coruña.
Todo isto é o que debería explicarlle e xustificarlle á cidadanía o Goberno Local, vista a súa negativa a intervir, no lugar de criticar ao BNG por formular esta proposta de intervención, que é legal e está recollida no prego das condicións da concesión administrativa de Albada.