O BNG pedirá no próximo pleno a paralización das obras da Mariña
O BNG solicitaralle ao Goberno Local en Pleno que esixa á Autoridade Portuaria a cesión gratuíta dos xardíns da Mariña ao concello e a paralización da contratación en curso da urbanización da Mariña por vulneración do procedemento urbanístico de aplicación e por supor un dispendio de recursos públicos municipais en terreos que na súa maior parte son de Autoridade Portuaria.
O Grupo Municipal tamén solicita que desapareza do proxecto da Mariña as dúas edificacións destinadas a servizos de hostalaría e os dous quioscos para evitaren graves prexuízos económicos aos locais de hostalaría e doutras actividades comerciais da zona (enlace do corte de voz tomado por Radio Coruña: http://multimedia.radiocoruna.com/624.mp3).
Xosé Manuel Carril deu a coñecer hoxe, en rolda de prensa, unha moción que o BNG levará ao pleno do vindeiro luns e na que solicitan que o Concello da Coruña esixa a Autoridade Portuaria a cesión gratuíta ao concello dos xardíns da Mariña. Así mesmo, esta moción solicita que o concello comunique a Autoridade Portuaria a procedencia legal do desestimento dos procedementos de contratación en curso (urbanización da Mariña e baixos do Parrote) por vulneración do procedemento urbanístico de aplicación e por supor un dispendio de recursos públicos municipais en terreos que na súa maior parte son propiedade da propia Autoridade Portuaria. E por último, tamén solicitará, que no proxecto de urbanización da Mariña desaparezan as dúas edificacións destinadas a servizos de hostalaría e similares e os dous quioscos, para evitaren os graves prexuízos económicos e a competencia desleal sobre os locais de hostalaría e de restantes actividades comerciais existentes na zona. No caso de que for necesario un edificio, sinalou Xosé Manuel, que só se faga, única e exclusivamente, para servizos públicos dotacionais (oficina de turismo, por exemplo), sen que en ningún caso sexa obxecto de concesión.
Xosé Manuel Carril comezou sinalando que o Concello da Coruña vai financiar en solitario as obras de urbanización da Mariña, que son obras ilegais xa que non teñen abeiro urbanístico pois o planeamento actual non contempla este tipo de actuacións, e ademais teñen un custo global de 6.822.323,79 , supondo un dispendio de recursos públicos municipais en terreos que na súa maior parte son propiedade da Autoridade Portuaria.
O proxecto recolle unha serie de gastos disparatados, superfluos e algúns deles sen máis finalidade que unha máis que discutíbel estética urbana. Así, entre outros, unha pasarela cun custo de execución de 633.622 euros, bancos que custan até 21.038,34 euros, ademais de farois de 3.300 euros, maceteiras de 2.850 euros, papeleiras de 950 euros e fontes de 1.500 euros, entre outras actuacións. E estes gastos fanse, sinalou o portavoz do Grupo Municipal, nunha situación económica como a actual, na que xunto ao drama social do paro hai que engadirlle o incremento dos tributos municipais.
Ademais as obras, afirmou Carril, van provocar a demolición de dúas construcións existentes na Mariña, como son a oficina de turismo e o edificio de sanidade, e van permitir a posterior execución de dúas novas edificacións (de 173 e 243 m2) que, de acordo co proxecto, van ser destinados a servizos de hostalaría ou similares, e de dous quioscos (de 20 m2 cada un) que tamén venderán refrixerios e no que se localizan ao seu pé 4 bancos con mesas, de modo que vai haber estes estabelecementos que van competir de maneira desleal e causando prexuízo económico aos locais de hostalería e de restantes actividades comerciais existentes na zona.
Todas estas obras son froito dun Convenio de colaboración que o 23 de xaneiro de 2012, formalizado o Concello da Coruña e Autoridade Portuaria da Coruña para o desenvolvemento da mobilidade da dársena da Mariña e o Parrote, con sucesivas addendas e que implica que grande parte das obras se van financiar por parte do Concello da Coruña, mais non precisamente en terreos municipais. Concretamente, sinalou o portavoz do BNG, nas actuación da Mariña a maior parte da superficie é propiedade da Autoridade Portuaria, inclusive a superficie dos xardíns da Mariña, xa que ditos terreos foron desafectados do dominio público portuario en 1999, mais non foron cedidos ao Concello e seguen sendo bens patrimoniais da Autoridade Portuaria.
Por último, Carril salientou que todas estas actuacións urbanísticas na Mariña non teñen abeiro urbanístico ningún, sendo contrarias ao planeamento urbanístico vixente (PXOM e PEPRI) e inclusive aos instrumentos de planeamento aprobados inicialmente, mais que aínda non están aprobados definitivamente, como son revisión PEPRI, Plan especial de protección, infraestruturas e dotacións para a mellora da mobilidade na zona da Mariña e o Parrote e modificación do Plan especial do Porto.