O síndrome das reunións sen contido do PP
No BNG criticamos que o Sr. Negreira convoque Xunta de Goberno local extraordinaria só a catro días dunha ordinaria para dous asuntos non urxentes.
O Grupo Municipal entende que, ou ben se trata dunha práctica que se debe a unha mala planificación do Goberno local, ou ben se pretende facer ver que se fan máis cousas das que logo se fan.
O Grupo Municipal do BNG amosa a súa crítica á convocatoria de Xunta de Goberno Local de carácter extraordinario que tivo lugar esta mañá. E é que, tal e como lembran as nacionalistas, o pasado luns 21 de abril tivo lugar a última Xunta de Goberno Local ordinaria e o vindeiro venres, 2 de maio, está prevista unha nova convocatoria ordinaria.
O Bloque Nacionalista Galego advirte de que ningún dos dous casos que se trataron na reunión extraordinaria desta mañá responden á urxencia. Así, sinalan que tanto a aprobación da apertura do procedemento de adxudicación por procedemento aberto das obras incluídas no proxecto de reurbanización da rúa Federico Tapia e a aprobación da apertura do procedemento de adxudicación por procedemento aberto das obras incluídas no proxecto de mellora da mobilidade peonil na rúa Mestre Clavé poderían ser recollidos na Xunta de Goberno Local que está previsto que teña lugar o vindeiro venres, 2 de maio.
O BNG lembra que é a segunda vez que o fan este mes. O 1 de abril o Sr. Negreira convocou unha Xunta de Goberno Local Extraordinaria a tan só tres días dunha ordinaria, tamén con dous asuntos que carecían de urxencia, e tamén para a aprobación da apertura de dous procedementos de adxudicación de dúas obras: o proxecto de mellora do túnel de María Pita e da urbanización do Parque de San Pedro de Visma. Resulta ser a cuarta Xunta de Goberno Local de abril e a segunda extraordinaria. O Grupo Municipal tamén advirte que ou ben se trata dunha práctica debida a unha mala planificación do Goberno ou a que se pretende facer ver que se fan máis cousas das que se fan.
O BNG da Coruña critica, ademais, que os dous únicos puntos na orde do día que aprobou o Goberno do Sr. Negreira na súa xuntanza se refiran a dous investimentos por valor de 2.475.810,7 en obras no centro e no ensanche da cidade mentres abandona os barrios.
Se reparamos nos expedientes, resulta cando menos curioso que o maior investimento teña lugar no vindeiro exercicio e que os prazos de execución dunha delas sexa de oito meses a partir da confirmación da acta de replanteo e da outra de once meses a partir da correspondente confirmación da acta de replanteo, cadrando co período preelectoral das municipais.