O BNG oponse á nova suba de impostos aprobada polo PP
A Coruña, 8 de outubro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG votou en contra da aprobación inicial das ordenanzas fiscais para o exercicio 2014, unhas ordenanzas que provocarán o incremento de impostos o ano que vén, tal e como demostrou o portavoz nacionalista, Xosé Manuel Carril, que, nas súas intervencións, ironizou co reiterado argumento do Partido Popular: a conxelación de impostos. Así, Carril, quen xa anunciou a presentación de alegacións por parte do BNG, advertiu de que por terceiro ano consecutivo, o Goberno municipal non conxela os impostos, porque nunca se conxelaron no que levamos de mandato do Sr. Negreira.
Carril lembrou que no primeiro ano de Goberno do Sr. Negreira (ordenanzas fiscais para o ano 2012) non houbo conxelación, pois o PP impuxo por vez primeira a tarifa por casamento no pazo de María Pita e o cobro por vez primeira na axuda a domicilio (copago ou repago). No segundo ano de Goberno (ordenanzas fiscais para o ano 2013) tampouco houbo conxelación porque, entre outras cousas, subiu exponencialmente o recibo da auga e o imposto de bens inmóbeis (IBI). E este ano non ía ser menos, non hai conxelación desde o momento en que se estabelecen novas tarifas a pagar por servizos polos que antes non se pagaban ou se pagaban menos do que quere cobrar agora o Goberno municipal (alén da suba en certas tarifas xa existentes). Este é o gran engano da proposta de ordenanzas fiscais do Goberno local para o ano 2014, sinalou.
Novas tarifas a pagar por servizos que eran gratis ou polos que se pagaba menos
Como mostra de que os impostos non se conxelan, o portavoz do BNG debullou as ordenanzas fiscais números 1, 9, 12, 13, 15 e 51, porque en todas elas se estabelecen novas tarifas por servizos que se viñan dando:
- A Ordenanza fiscal número 1, reguladora da taxa por tramitación ou expedición de documentos administrativos, inclúe novas tarifas por servizos que se estaban a dar. Puxo como exemplos copias de planos de proxectos técnicos xa incorporados a expedientes administrativos (2,50 euros), copias de informes de tráficos (30 euros), reposición de tarxetas de circulación con vehículo por rúa peonil (3 euros) e tarxetas de estacionamento destinadas a persoas discapacitadas (3 euros) por roubo, extravío ou deterioro.
- A Ordenanza fiscal número 9, reguladora da taxa de cemiterios municipais, condución de cadáveres e outros servizos fúnebres, estabelece novas tarifas por redución de restos (20 euros) e por exhumacións verificadas en fosa común (150 euros).
- A Ordenanza fiscal número 12, reguladora da taxa por outorgamento de licenzas ou autorizacións para industrias de rúa e ambulantes, inclúe novas tarifas para os decomisos (que van de 30 a 100 euros). Neste punto, Carril acusou o Goberno municipal de cargar contra as persoas que se atopan en situación de fraxilidade, tal e como as persoas que se dedican á venda ambulante. E é que non só lles retiran a mercadoría, senón que ademais para a recuperar, se é que se puider recuperar, terán que pagar.
- A Ordenanza fiscal número 13, reguladora da taxa polo outorgamento de licenzas e autorizacións administrativas de servizos urbanos de transporte, impón unha nova tarifa pola expedición de tarxetas identificativas da licenza de taxi por deterioro, extravío ou roubo (3 euros).
- A Ordenanza fiscal número 15, reguladora da taxa por prestación de servizos en instalacións deportivas, introduce un cambio moi sutil, a limitación do uso a dúas horas do rocódromo, cando antes non existía esta limitación temporal.
- A Ordenanza fiscal número 51, reguladora do imposto sobre bens inmóbeis, estabelece novos tipos de gravame para os inmóbeis de natureza urbana, con fins de almancenamento/estacionamento, comercial e de ocio e hostelaría (tipo de gravame 0,8).
Ante estas evidencias, Carril preguntoulle ao alcalde onde queda o seu reiterado e demagóxico lema de ayudar a las familias, es dedcir que los ciudadanos sean los grandes beneficiados? Esta proposta de ordenanzas fiscais deixa claro que non existe tal conxelación e que a cidadanía vai pagar por servizos que antes non pagaba ou pagaba en menor contía que a que agora impón o Goberno do Sr. Negreira, concluíu.