O BNG leva ao Parlamento o conflito laboral do persoal de HP que lle presta servizos a Abanca
A Coruña, 14 de xaneiro de 2015- O portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, acompañado da concelleira Avia Veira, reuniuse na mañá de hoxe con representantes dos Comités de Empresa dos centros de traballo de Hewlet-Packard (HP) na Agrela e en Pocomaco que prestan servizos de telemárketing e de administración para Abanca, uns servizos que Abanca lle vai transferir a unha filial de Prosegur. Na xuntanza, na que participou o secretario comarcal da CIG-Banca, Óscar Calvo, Jorquera trasladoulles aos traballadores e traballadoras o contido da batería de iniciativas que vén de presentar no Parlamento de Galiza co fin de que se manteñan os postos de traballo e mais as condicións laborais actuais, así como o apoio claro e inequívoco da formación nacionalistas ás súas demandas e mobilizacións.
En rolda de prensa posterior á reunión, Jorquera deu conta das proposicións non de lei e das preguntas, tanto oral como escrita, presentadas no Parlamento de Galiza co fin de lograr unha resolución da Cámara que exprese o apoio ás reivindicacións dos traballadores e traballadoras e para instar a Xunta de Galiza a realizar todas as actuacións precisas para garantir o mantemento dos postos de traballo e das actuais condicións laborais.
O portavoz parlamentar do BNG exixiulles aos novos propietarios da entidade financeira que, como mínimo, asuman a súa responsabilidade social, asegurando o mantemento dos postos de traballo e a condicións laborais, tendo en conta que a entidade resultante da fusión das antigas caixas foi saneada coa inxección de máis de 8.000 millóns de euros procedentes de recursos públicos. Jorquera cualificou de operación ruinosa a bancarización da entidade resultante da fusión das caixas de aforros e a súa posterior venda e advertiu de que o conflito laboral que padecen estes traballadores e traballadoras é froito, amais das consecutivas reformas laborais, do proceso de bancarización das caixas.
Nesta liña, sinalou que a Xunta de Galiza non pode ser unha simple espectadora tendo en conta que a venda das antigas caixas aos actuais propietarios foi unha operación bendicida polo Goberno galego e que Abanca é o principal provedor de servizos bancarios para a administración galega. Así, instou a Feijóo a presionar a entidade financeira ante a ameaza de que poidan perderse 350 empregos na cidade da Coruña, cando 2014 vén de pecharse con 3.286 persoas paradas máis en Galiza, a autonomía cos datos máis negativos do Estado español.
Os traballadores e traballadoras, que mañá van a folga, séntense traizoadas
Pola súa parte, Óscar Calvo, secretario comarcal da CIG-Banca, asegurou que desde que se soubo que Abanca prescindiría de HP para prestar servizos como as domiciliacións bancarias, os pagamentos de pensións e do subsidio por desemprego, os servizos da banca electrónica e de atención telefónica, as reclamacións de tarxetas, o pagamento da devolución das preferentes... os traballadores e traballadoras séntense traizoadas. E é que a representación sindical e o conxunto de empregados e empregadas non ten información ningún sobre o futuro da cadro de persoal. Por este motivo, os traballadores e traballadoras convocaron unha folga para o día de mañá, 15 de xaneiro.
No mesmo sentido, Iván Cordeiro, membro do Comité de Empresa do centro da Agrela, puxo de manifesto que a opacidade total das empresas provoca que os empregados e empregadas non coñezan aínda se se van subrogar os postos de emprego nin en que condicións pasarían á filial de Prosegur. De feito, sinalou que os representantes sindicais levan máis dun mes tratando de sentar a falar con todas as partes implicadas (Abanca, HP e Prosegur).
Os traballadores e traballadoras levan vinculadas a Abanca desde finais dos 80, cando Caixa Galicia creou dúas empresas auxiliares, Coinsa e STBA para externalizar parte do seu proceso produtivo. No ano 2009, HP adquiriu ambas as empresas ao abeiro dun compromiso froito do cal a compañía tecnolóxica mantería os postos de emprego e a caixa mantería a carga de traballo. HP seguiu prestándolle a Caixa Galicia estes servizos mesmo despois da fusión das caixas e na actual etapa con Abanca até o día de hoxe.