O BNG apoia @s activistas chamad@s a un acto de conciliación por pediren mudanzas na canceira
A Coruña, 13 de xaneiro de 2015- O BNG da Coruña expresa o seu apoio total aos e ás activistas coruñesas chamadas a un acto de conciliación por pediren mudanzas no servizo municipal de recollida de animais. As nacionalistas, que participarán na concentración convocada para as 9.15h de mañá fronte aos Xulgados baixo o lema Defender os animais non é delito, volven reclamar a revisión da concesión da canceira municipal dada a falta de transparencia na súa xestión e dado o baixísimo nivel de adopcións en relación cos animais que entran.
Os datos da última memoria de xestión da Concellaría de Medio Ambiente revelan que en 2013 tan só se adoptaron 176 animais, dos 791 que entraron na canceira. Destes, un total de 156 foron reclamados por particulares e o resto, serían sacrificados. Respecto dos 791 animais que entraron na canceira en 2013, un total de 193 fixérono por medio de entregas de particulares, 358 foron cans retirados da vía pública e 240 foron gatos retirados da vía pública.
Amais de pedir a revisión da concesión, o Grupo Municipal do BNG reclama un centro veterinario na canceira para garantir o benestar dos animais durante a estancia nas instalacións e que se amplíe o horario de atención ao público para que a cidadanía poida acudir á canceira e así fomentar a adopción.