O BNG leva ao Congreso o misterio da escola infantil recollida no Plan Educa 3
A Coruña, 10 de febreiro de 2015- A iniciativa do Grupo Municipal do BNG, a deputada nacionalista no Congreso dos Deputados Rosana Pérez vén de rexistrar unha pregunta para a resposta escrita para saber que aconteceu coa escola infantil proxectada para A Coruña ao abeiro do Plan Educa3. A parlamentar do Bloque presenta esta pregunta despois das negativas do Goberno do Sr. Negreira a explicar que aconteceu con esta escola comprometida xa no 2011.
O Grupo Municipal do BNG lembra que os orzamentos municipais de 2012 recollían 328.000 euros para a construción desta escola infantil que vería a luz grazas ao Plan Educa3. A propia conselleira coruñesa Beatriz Mato explicara na súa primeira visita oficial ao Goberno do Sr. Negreira que a escola cuxo emprazamento nunca se chegou a coñecer- se construiría con eses 328.000 euros municipais e co millón de euros que achegaría o Ministerio de Educación a través do Plan Educa.
A escola infantil que se crearía ao abeiro deste plan foi anunciada no BOE de 4 de febreiro de 2011 e tamén no BOE de 6 de febreiro de 2012. En virtude dos convenios aos que aluden os BOE creáronse escolas infantís en Galiza, mais da Coruña nada se sabe e o plan ficou desactivado polo actual Goberno central. Neste contexto, Rosana Pérez pregunta cantas das escolas infantís proxectadas se crearon e se pode o Ministerio de Educación detallar se se creou a escola infantil da Coruña e, en caso contrario, por que non se cumpriu co proxectado. Tamén pregunta a parlamentar do BNG por que desactivou o Goberno actual este necesario plan de prazas públicas do primeiro ciclo de educación infantil e se non era posíbel prorrogalo, dado que se tratou dunha iniciativa moi beneficiosa para o conxunto do pobo.
A escola infantil do Plan Educa3, un tabú para o Sr. Negreira
O Grupo Municipal do BNG preguntoulle en numerosas ocasións ao Goberno do Sr. Negreira pola escola que se construiría grazas ao Plan Educa3. Para o Partido Popular este tema resultou sempre un tabú que tratou de evitar con evasivas interesadas para crear confusión e facer crer que construiría esta escola. De aí que as nacionalistas se visen na obriga de recorrer ao Goberno central para atopar resposta á supresión desta escola.
As nacionalistas lembran que o Sr. Negreira recollía no programa electoral co que se presentou aos comicios de 2011 a construción de oito escolas infantís na Coruña. Porén, en catro anos, non proxectou ningunha, xa que a escola infantil da Agra do Orzán recentemente inaugurada xa estaba recollida no Urbana C co anterior goberno municipal. O único que fixo o Sr. Negreira foi transferir á rede pública municipal a escola Carme Cervigón, que segue a ser propiedade da Fundación Padre Rubinos. Así, o Concello da Coruña pasou de ofertar 650 prazas en escolas infantís a ofertar 732 (contando as 82 prazas da escola infantil municipal da Agra), tan só 12% máis en catro anos. No que respecta á escola infantil que está a construír a Fundación Amancio Ortega na Sardiñeira, as nacionalistas lembran que a titularidade vai ser galega e non municipal.