O BNG logra o apoio unánime do Parlamento en defensa d@s traballador@s de HP
A Coruña, 6 de febreiro de 2015- O Grupo Parlamentar do BNG conseguiu hoxe o apoio unánime do Parlamento de Galiza á proposición non de lei polo mantemento do emprego e das condicións laborais dos traballadores e traballadoras de HP. Así, a instancias do BNG, o Parlamento de Galiza aprobou instar a Xunta de Galiza a trasladar a Abanca, a HP (anterior adxudicataria) e a Prosegur (nova adxudicataria) a que abran vías de diálogo que leven a acordos beneficiosos para todas as partes que permitan garantir o emprego e os dereitos dos máis de 300 traballadores e traballadoras.
Foi o portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, quen defendeu na Comisión de Economía a proposición non de lei presentada a instancias dos traballadores e traballadoras. Na súa intervención, o nacionalista advertiu de que o fundamental é que a Xunta non sexa unha espectadora neste conflito, por iso ten que actuar instando a Abanca, a HP e a Prosegur a buscar unha solución xusta que pasa, necesariamente, por garantir o emprego e os dereitos dos traballadores e traballadoras.
Jorquera lembra que Novagalicia Banco banco foi saneada coa inxección de máis de 8.000 millóns de euros procedentes de recursos públicos, para despois ser vendida a prezo de saldo
Foi a Xunta de Galiza quen lle deu a beizón á venda das antigas caixas aos actuais propietarios; Abanca é o principal provedor de servizos bancarios da administración galega e Novagalicia Banco banco foi saneada coa inxección de máis de 8.000 millóns de euros procedentes de recursos públicos, para despois ser vendida a prezo de saldo. Polo tanto, é esixíbel que os novos propietarios asuman, como mínimo, a súa responsabilidade social, asegurando o mantemento dos postos de traballo e a condicións laborais, en cumprimento dos compromisos adquiridos no seu día por Caixagalicia e Hp, salientou.
Lembrou Jorquera que, afortunadamente, desde que rexistramos esta proposición, a mobilización dos traballores, o apoio da veciñanza da Coruña, os pronunciamentos doutras institucións fixeron que Prosegur se comprometese por escrito a subrogar o persoal. Aínda así, consideramos que segue tendo sentido que haxa un pronunciamento do Parlamento. Os traballadores e traballadoras así nolo reclaman, engadiu.