O BNG interésase polas condicións dos traballadores de Albada e polas verteduras de Nostián
A Coruña, 1 de febreiro de 2013.- O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, e mais o deputado do BNG no Parlamento de Galiza, Carlos Aymerich, visitaron esta mañá a zona das verteduras de lixiviados da planta de Nostián acompañados polo Comité de Empresa de Albada, que lles indicaron de onde saen os refugallos e como se atopa, neste momentos, a balsa. Tanto Carril como Aymerich se identificaron perante os axentes da Policía cando estes se dirixían a identificar os representantes sindicais.
Os nacionalistas foron informados das filtracións e das inundacións de lixiviados que padece algunha das naves da planta de tratamentos de residuos, así como das condicións de seguridade na que desenvolven as súas tarefas os traballadores. Os representantes sindicais de Albada sinalaron que descoñecen a composición e os efectos que poden ter estes líquidos procedentes da materia en descomposición na súa saúde.
Aínda que o tentaron, os nacionalistas e o resto de convidados non puideron acceder ao interior da planta. Lembrou Carril que o BNG segue á espera, despois de ano e medio, da resposta á solicitude para visitar a planta de Albada. E é que o 12 de xullo de 2011, o portavoz nacionalista presentaba unha solicitude por rexistro na que lle reclamaba ao alcalde que se adoptaran as medidas oportunas para que o Grupo Municipal do BNG puidese visitar as instalacións. Os nacionalistas pretendían comprobar a situación real do tratamento de residuos, despois de que o Comité de empresa de Albada, denunciara, xa daquela, que a planta de Nostián se atopaba nunha situación de completa saturación.
O BNG formulará en Pleno unha pregunta oral sobre Nostián
Pola outra banda, o Grupo Municipal do BNG formulará en Pleno unha pregunta oral para coñecer os motivos polos que os membros da Corporación aínda non poden acceder aos resultados das auditorías técnica e ambiental da planta de Nostián. O Goberno do Sr. Negreira impediulle ás nacionalistas acceso a esta documentación en dúas ocasións, en outubro de 2012 e en xaneiro de 2013. Na resposta á solicitude do BNG do mes de xaneiro, o Goberno municipal remitiu as concelleiras nacionalistas a un informe do Servizo de Medio Ambiente que non existe.