JORQUERA RECALCA QUE A SOLUCIÓN AOS PROBLEMAS FINANCEIROS DA AUTORIDADE PORTUARIA NON DEBE PASAR POLA VENDA DE ACTIVOS

O BNG fixará a súa posición final sobre a fronte marítima segundo como se resolvan asuntos como a titularidade dos espazos ou a débeda do porto

<p>Conferencia de prensa posición BNG Coruña Marítima. Jorquera, 28 de xaneiro de 2025.</p>
Un momento da conferencia de prensa
A posición final que vaia adoptar o BNG en relación a todo o proceso de conformación da nova fronte marítima da Coruña dependerá de como se vaian resolvendo asuntos clave como o do mantemento da titularidade pública dos espazos portuarios, a condonación da débeda ou articulación dunha solución análoga e o financiamento do proceso de urbanización e transformación dos peiraos.
O BNG fixará a súa posición final sobre a fronte marítima segundo como se resolvan asuntos como a titularidade dos espazos ou a débeda do porto

Nestes termos pronunciouse este martes o portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera, quen compareceu ante os medios para explicar máis polo miúdo a posición adoptada pola formación nacionalista na reunión realizada o pasado venres pola Comisión Coruña Marítima.

Nesa xuntanza, o BNG optou pola abstención no debate e votación das bases estratéxicas que informan o concurso internacional para a redacción do proxecto. E fíxoo porque ve nelas “luces”, mais tamén “sombras”, porque conteñen “elementos positivos”, mais tamén aspectos que “nos merecen reservas e cautelas”.

Sobre os aspectos positivos, Jorquera remarcou este martes que as bases estratéxicas “recollen propostas históricas do BNG”, e entre elas salientou a necesidade de aproveitar a infraestrutura ferroviaria existente no porto para implantar servizos ferroviarios de proximidade. “Un compromiso que ademais figura no acordo de investidura subscrito no Estado entre o PSOE e o BNG”, argüíu.

Alén diso, recóllense tamén achegas feitas polas distintas persoas comparecentes “na Comisión Especial do Concello que teño a honra de presidir”, entre elas a creación de infraestruturas verdes para corrixir a baixa ratio de zonas verdes que hai na Coruña ou o despregamento de actuacións que equipen a nosa urbe fronte ás alteracións climáticas e a elevación do nivel do mar, sen esquecer o estudo da renaturalización da desembocadura do río Monelos.

<p>Conferencia de prensa posición BNG Coruña Marítima. Jorquera, 28 de xaneiro de 2025.</p>

<p> </p>
Jorquera, ante os medios

Mais ao mesmo tempo o documento de bases estratéxicas contén “outros aspectos que nos merecen reservas ou cautelas”. E precisamente de como se resolvan esas cuestións “vai depender a posición final do BNG”.

Indo ao concreto, ao Bloque merécelle reservas que se o opte por un concurso internacional por procedemento restrinxido, “polo perigo de que se limite a posibilidade de concursar, en igualdade de condicións, ás persoas expertas locais”. “Cremos que é necesario aproveitar e poñer en valor o coñecemento existente na Coruña e na Galiza”, estendeuse Jorquera.

Cómpre conxurar o risco de caer na imitación de modelos foráneos e pensar nunha “escala coruñesa” que atenda “ás características singulares da Coruña”, primando o coidado da paisaxe urbana e a importancia da conservación do patrimonio cultural e natural.

Mais as reservas fundamentais teñen a ver co asunto da titularidade dos terreos portuarios e do financiamento da transformación urbana que se proxecta, coa forma en que se aborde a débeda que pesa sobre a Autoridade Portuaria como pano de fondo.

Nese sentido, Jorquera pon o acento na contradición que supón que no documento das bases estratéxicas se fale por un lado (páxina 11) do “interese común en manter a titularidade pública dos espazos” e, polo outro, de “atender os compromisos e acordos dos convenios subscritos en vigor para a financiación da construción do porto exterior, xunto co financiamento da débeda da Autoridade Portuaria, mediante a obtención dos aproveitamentos urbanísticos necesarios” (páxina 26).

WhatsApp Image 2025-01-28 at 11.38.46

A ese respecto, o BNG quere deixar moi claro que, ao seu xuízo, os convenios de 2004 -que prevían a venda de solo do porto para financiar Punta Langosteira- deben “darse definitivamente por superados”, o que significa que calquera abordaxe da débeda do porto debe evitar pasar pola venda de activos. A solución da débeda debe ser ou a condonación ou unha formula equivalente. “Quero lembrar que o Goberno central condonou a débeda do porto de València, por un importe moi superior ao débito do porto da Coruña”, remarcou Jorquera.

A creación do Consorcio

Como a escusa posta polo Estado para a non condonación da débeda coruñesa é que no caso de València o débito era non coa Autoridade Portuaria, senón cun consorcio participado pola propia administración central, a proposta do BNG é que na Coruña se cre unha entidade dese tipo coa participación das distintas públicas, para acometer a transformación dos terreos portuarios. “E que a Administración xeral do Estado contribúa cunha cantidade equivalente á débeda do Porto da Coruña con Portos do Estado”, anotou Jorquera.

Canto á hipótese de que se na nova fronte marítima se introduzan usos residenciais, o portavoz nacionalista quixo deixar claro que “se hai vivenda, ao noso xuízo hai que asegurar o mantemento da titularidade pública dos espazos, evitando densidades excesivas e por suposto evitando que se torne nunha illa para ricos”.

O BNG considera superados os convenios de 2024 e ve clave que en ningún caso se solucionen os problemas financeiros do porto mediante a venda de activos

Nese sentido, defendeu que se combinen os eventuais usos residenciais con outros  (zonas verdes, equipamentos, polo de innovación ligado á economía verde e azul, a un porto que continúe a ser motor económico da cidade) e que as solucións habitacionais sexan diversas -prevendo a construción de, por exemplo, residencias de estudantes e investigadoras/es- e asegurando unha ampla oferta de vivenda de promoción pública.

En todo caso, enfatizou Jorquera que é perfectamente compatíbel a construción de vivendas co mantemento da titularidade pública dos terreos. “Por exemplo”, esclareceu, “se se fai con parte do solo portuario a Xunta e empresa pública que anunciou Pedro Sánchez ou se aplica o modelo concesional para promover vivenda en alugueiro”. En definitiva, a construción non pasa necesariamente pola privatización dos espazos que fiquen liberados dos usos portuarios, salientou.

Un proceso que comeza e a importancia da participación social

En todo momento enfatizou Jorquera que estamos diante do pórtico dun proceso que se vai prolongar “ao longo de varios mandatos en María Pita”, polo que é vital que se conduza procurando o diálogo e o máximo consenso, “non só entre as administracións e as forzas políticas, senón tamén inserindo nel o conxunto da sociedade”.

Por iso o BNG pon o acento en conceder moita importancia “á participación social en todo o proceso, a comezar polo foro social que desenvolverá os seus traballos nos vindeiros meses”.

De resto, e interpelado polos medios ao respecto da hipotética construción dun “espazo multiusos cuberto de grande capacidade en San Diego”, Jorquera defendeu que “antes de pensar en novos equipamentos é ben coidamos aqueles que xa temos”, dixo en alusións ás deficiencias que presentan instalacións como o Pazo da Ópera ou o Fórum Metropolitano.

 

 

O BNG fixará a súa posición final sobre a fronte marítima segundo como se resolvan asuntos como a titularidade dos espazos ou a débeda do porto