O BNG denuncia o malgasto de 200.000 euros en desfacer a mediana da avenida de Oza
A Coruña, 5 de setembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG critican que o Goberno do Sr. Negreira tiver que montar hoxe un novo circo mediático na Avenida de Oza para tratar de xustificar unha obra que, tal e como recolle o informe do Servizo de Emerxencias (que achegamos xunto á nota) non responde nin a razóns ténicas, nin legais, nin de seguridade. Nesta liña, os nacionalistas lamentan que o Goberno local presuma de desmantelar a mediana só para cumprir un capricho electoral, isto, malia os 200.000 euros que esta obra lle suporá á cidadanía.
O informe oficial do Servizo de Emerxencias, que o Goberno do Sr. Negreira teima en manterlle oculto á opinión pública, só recomendaba suprimir o axardinamento central e non a medianeira. Ademais, o informe desmentía a versión do Goberno local, que continúa mentindo e dicíndolle á cidadanía que todos os vehículos de emerxencias tiñan dificultades de acceso ao longo de toda a avenida. E é que só só dúas unidades (a unidade 20 e a unidade 29) terían dificultades para operar nun tramo concreto, tal e como recoñecen neste documento os Servizos de Emerxencia.
Os nacionalistas tamén lembran que a normativa do Código Técnico de Edificación (CTE), que non é de aplicación ás obras xa construídas, require un ancho de viario mínimo de 3,5 metros (e Avenida de de Oza ten 3,67 m) e un ancho libre (que pode incluír as beirarrúas) de 5 metros (factor que tamén cumpre esta avenida); polo que esta avenida cumpre coa legalidade, por moito que trate de ocultalo o Sr. Flores.
A vía prioritaria non resolveu o problema do tráfico e empeorou o transporte público
Sobre o anuncio do Goberno local de estender a vía prioritaria á Avenida de Oza, os nacionalistas poñen de manifesto que este sistema implantado polo PP non resolveu o problema do tráfico nin o do transporte público, dados os incumprimentos reiterados dos horarios desde a supresión do carril bus. Ademais, lembran que a videovixilancia nesta vía creou un novo problema: as sancións inxustificadas aos profesionais do transporte, un prexuízo que o Goberno local segue sen resolver.
O Grupo Municipal do BNG insiste en que a prioridade na mobilidade ten que ser o transporte público. Só así podería garantirse o cumprimento das frecuencias. Por último, os nacionalistas lembran a súa aposta por un plano de mobilidade metropolitano que promova os medios de transporte alternativos, nomeadamente o tren de proximidade.