O BNG vota en contra do modificativo para pagar "facturas irregulares sin control" do PP
A Coruña, 5 de novembro de 2012.- Esta mañá tamén foi a Pleno a aprobación inicial do terceiro modificativo do orzamento de 2012, unha aprobación que contou co voto en contra do BNG. Foi a concelleira Ermitas Valencia quen deu conta da valoración dos nacionalistas, criticando a falta de previsión e falta de xestión do Goberno municipal. Valencia comezou a súa intervención parafraseando ao propio Coira cando, a piques de finalizar o PP a súa etapa na oposición, cargaba duramente contra estas ferramentas contábeis. Fixo fincapé a concelleira do BNG nas palabras de Coira ao criticar, daquela, o que denominaba as facturas irregulares sin control del bipartito; é dicir, os recoñecementos extraxudiciais. Precisamente, a nacionalista explicou que a metade dos 2,32 millóns de euros de modificativo, un total de 1,12 millóns, vai destinada a recoñecementos extraxudiciais.
Valencia puxo de manifesto que o groso destes recoñecementos extraxudiciais está destinado a pagarlle á Compañía de Tranvías o importe derivado do bonobús, un total de 686.690,22 euros. E iso que o interventor xeral advertira que había consignada no orzamento unha cantidade moi inferior ao previsto. A outra parte importante destes recoñecementos extraxudiciais, tal e como afirmou Valencia, ten a ver cos residuos urbanos, por valor de 404.476,76 euros, cartos se lle detrae á limpeza viaria. A este respecto, a concelleira do BNG amosou as súas dúbidas sobre o servizo de limpeza, non se vai poder manter con 400.000 euros menos e referiuse, tamén, ás contradicións dos informes técnicos sobre este recortes e ás actualizacións do IPC que haberá que pagar o ano que vén polo servizo de limpeza.
Pola outra banda, Valencia desmontou as mentiras da concelleira de Facenda sobre as facturas de telefonía do anterior goberno, xa que non se trata de importes que se deixasen de pagar. Son regularizacións que obedecen aos contratos coas operadoras de telefonía e non a que quedasen facturas sen aboar. Ademais, denunciou que un total de 106.980,28 euros deste modificativo vai destinado a pagar obrigas contraídas polo actual goberno coa compañía de teléfonos, e o resto pagarase polo acordo do Goberno do Sr. Negreira.
Valencia tamén falou sobre as medidas destinadas a garantir a estabilidade orzamentaria e o fomento da competitividade, en relación aos e ás empregadas municipais. A nacionalista criticou a aplicación de máximos que fai o Goberno do Sr. Negreira destas medidas e denunciou a rebaixa do número de día de vacacións e de días libres e o recorte das prestacións económicas de baixas por enfermidade. Alén das medidas que atentan contra os dereitos laborais, a concelleira do BNG denunciou a navallada do PP á capacidade adquisitiva dos e das traballadoras públicas, coa supresión da paga de Nadal.
O BNG vota en contra do Estudo de Detalle de Peñarredonda por ser incompatíbel co PXOM aprobado provisionalmente
Outro dos asuntos recollidos na orde do día foi a aprobación definitiva do Estudo de Detalle para a ordenación de volumes do Colexio de Fomento Peñarredonda, ao ser incompatíbel co PXOM aprobado provisionalmente. O Grupo Municipal do BNG votou en contra desta aprobación definitiva do ED ao serlle desestimada a súa emenda (xa lle foran rexeitadas as alegacións) ao ditame da Comisión Informativa de Medio Ambiente, Territorio e Mobilidade.
Na súa intervención, o portavoz nacionalista, Xosé Manuel Carril, expuxo as cuestións que determinan que o ED é totalmente incompatíbel co Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado provisionalmente e pendente de aprobación definitiva. Ademais, Carril salientou que a lectura detallada do expediente administrativo deste ED, cuxa tramitación comenzou o 31 de maio de 2011 (isto é, xusto despois de gañar as eleccións o Partido Popular no Concello da Coruña), pon de manifesto que a única finalidade é amparar unhas obras cuxa execución sería inviábel co novo planeamento urbanístico. Nada impide que o Estudo de Detalle contradiga ao PXOM, mais o lóxico, o prudente e o procedente sería que non fose así, porque unha vez aprobado definitivamente o PXOM, as súas previsións prevalecen sobre as do Estudo de Detalle polo principio de xerarquía normativa, expuxo.
Despedida de Xan Caxigal como concelleiro do BNG
Foi despois deste punto cando o secretario do Concello deu conta da renuncia ao cargo de concelleiro de Xan Caxigal, que lle agradeceu á cidadanía terme permitido traballar a prol do seu benestar, ás persoas traballadoras do Concello, por facilitarme o meu labor, e ás dúas Corporacións municipais das que Caxigal formou parte como edil do BNG.
O traballo nas institucións esixe entrega e cando as persoas non están en plenas condicións físicas ou anímicas deben deixar paso, sinalou. Despídome, desta faceta da miña vida, de todos vós con todo o meu afecto e agradecemento. Grazas. Así concluía Caxigal o que foi o seu derradeiro Pleno municipal como concelleiro.
O PP tombou as tres mocións presentadas polo BNG, incluída a iniciativa contra a violencia de xénero
Como vén sendo habitual, os concelleiros e concelleiras do PP non permitiron o debate das mocións levadas a Pleno polas outras forzas da oposición. No caso do BNG, o Goberno municipal tomboulle a moción en que se reclamaba unha política fiscal municipal socialmente máis xusta, a moción presentada para garantir a defensa dos intereses da cidadanía sobre os intereses das operadoras de telefonía no que respecta á instalación das antenas e tamén a moción presentada polo BNG con motivo do Día contra a violencia de xénero.
O Goberno municipal evitou exporse ás criticas dos e das nacionalistas polos recortes en materia de igualdade e na loita contra a violencia de xénero recorrendo, no inicio do Pleno, á lectura dunha declaración institucional.