O BNG denuncia que o convenio Repsol-Porto non implica o desmantelamento do oleoduto
A Coruña, 28 de outubro de 2013.- Á vista do convenio asinado entre Repsol e a Autoridade Portuaria para o traslado de determinadas instalacións ao porto exterior, asinado a 14.10.2013, o Grupo Municipal do BNG advirte de que, tal e como se recolle no acordo, o traslado de Repsol depende do cumprimento de certas condicións e figura moi ben compensado, pero non implica cambios no trascendental e no que máis lle preocupa a cidadanía: o oleoduto queda tal e como está e nada se sabe sobre que vai pasar con el.
En vista do recollido no acordo, o Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que o traslado de Repsol non vai ser inmediato, ao depender do cumprimento de certas condicións a medida en que se expón que Repsol ten intención de iniciar a actividade en* Punta Langosteira sempre que o porto exterior conte coa operatividade mínima do 85% e cando as condicións de explotación e servizos existentes no porto exterior, en particular os accesos por estrada e/ou ferrocarril, así o permitan. É dicir, até que o porto exterior opere ao 85% da súa capacidade e até que Repsol considere que existen as condicións e servizos oportunos, como a tan atrasada e esperada conexión ferroviaria, non se producirá o traslado.
Ademais, o Grupo Municipal do BNG advirte de que o traslado está moi ben compensado economicamente tanto en metálico como en especies. E é que o acordo recolle o pago de 23.964.128,14 euros da Autoridade Portuaria a Repsol en concepto de indemnización polo traslado e mais a nova concesión a 35 anos con posibilidade de prórroga de 17 anos máis. O acordo tamén abre a porta a que a superficie de 30.000 metros cadrados de parcela (máis 15.000 m2 de tubaxes) que posuirá Repsol en Punta Langosteira se incremente en 285.000 m2 adicionais, cantidade que sobrepasa de xeito moi notorio os 98.300 metros cadrados que Repsol ocupa no porto interior.
Á vista do documento, o Grupo Municipal do BNG critica que non haxa cambios no esencial: o oleoduto ou poliduto. E é que o oleoduto, un auténtico polvorín que atravesa a cidade, vai quedar no seu sitio, tal como está na actualidade. O BNG lamenta que o convenio nin sequera se refira ao desmantelamento do oleoduto que tanto lle preocupa á cidadanía.