O BNG participa na vixilia solidaria convocada por Velaluz
A Coruña, 26 de outubro de 2013.- O BNG da comarca da Coruña participará na vixilia solidaria convocada por Velaluz para ás 20h da tarde no local en que se atopan pechadas as activistas da asociación, que xa levan 12 días en folga de fame. No acto, en solidariedade coas vítimas da violencia machista, participarán cargos orgánicos e institucionais do BNG, como o responsábel comarcal, Paulo Carballada, a responsábel comarcal de Acción Feminista, Vitoria Louro, e concelleiras da cidade da Coruña e da comarca, amais de militancia.
A responsábel comarcal de Acción Feminista do BNG critica que o Partido Popular recorte tanto en medios humanos como materiais na protección das vítimas. Os continuos recortes orzamentarios do PP na loita contra a violencia de xénero responden ao fomento dun modelo ideolóxico de muller tradicional e submisa que debe regresar ao fogar e o BNG quere loitar contra iso, salienta.
Vitoria Louro reivindica melloras as axudas económicas de apoio ás vítimas, tanto no que respecta á axilización da tramitación para o pago como á súa duración. Ademais, a nacionalista reclama que se integre a atención psicolóxica ás vítimas como un servizo de atención primaria e unha atención xurídica axeitada, permanente e especializada en materia de violencia de xénero. Só con medidas como as expostas, afirma, lograremos protexer as mulleres vítimas do terrorismo machista.