O BNG demanda que o proceso de participación cidadá do PMUS sexa algo máis que unha simple consulta
A Coruña, 26 de setembro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que a participación da cidadanía ten que ser clave para a elaboración do Plan de Mobilidade Urbana Sustentábel (PMUS), mais non en forma dunha simple consulta sobre os principais problemas de mobilidade dos barrios.
As nacionalistas consideran que a cidadanía ten que poder contribuír á redacción do plan a través do contraste do documento matriz elaborado polos técnicos da empresa adxudicataria, da identificación dos principais problemas e causas mais tamén na elaboración conxunta das estratexias.
Para unha participación activa e útil, para poder enriquecer e matizar as conclusións do documento matriz é imprescindíbel, salienta o Grupo Municipal do BNG, que o Goberno do Sr. Negreira lles presente ás entidades sociais o documento técnico ao que se ten referido publicamente a concelleira de Mobilidade, quen tamén ten afirmado que se está traballando na definición dos obxectivos do PMUS.
Canto a isto, o Grupo Municipal do BNG sinala que non se poden adiantar os obxectivos do Plan antes de finalizar a fase de análise e diagnóstico, que aínda está en marcha segundo indica unha resolución con data de 20 de setembro da propia Alcaldía en resposta á solicitude do BNG de acceso ao documento de análise e diagnóstico do PMUS:
De tal sorte que para completar a fase de análise e diagnóstico integrada no PMUS definíronse distintas ferramentas e mecanismos de participación activa dos diferentes axentes sociais que se atopan en plena fase de execución e que, máis que probabelmente, porque esa é a súa intención e natureza, axuden a enriquecer e matizar as conclusións do documento matriz.