O BNG realizará charlas en todos os barrios sobre a estafa social da reciclaxe en Nostián
A Coruña, 25 de setembro de 2013.- O Bloque Nacionalista Galego comezará a partir de mañá xoves en Monte Alto unha serie de charlas polos distintos barrios da cidade para lle explicar á cidadanía a situación de Nostián e a postura das nacionalistas ante este conflito. Nestes encontros abertos a todo o público tamén estarán presentes representantes dos traballadores e traballadoras de Albada na que darán conta da súa situación laboral e da situación que se vive na planta.
O BNG exporalle á veciñanza a necesidade de que o o Goberno municipal dea a coñecer as auditorías para que a cidadanía saiba dos incumprimentos da empresa, concesionaria dun servizo público, en relación co prego de condicións administrativas e as porcentaxes de reciclaxe. Así mesmo, dado que a empresa non garante o cumprimento dos termos da concesión, as nacionalistas porán de manifesto a necesidade da intervención administrativa (ou secuestro) por parte do Goberno municipal da concesión administrativa de Albada, explotando directa e temporalmente a planta de Nostián por conta económica de Albada para garantir a prestación do servizo público da recollida e tratamento do lixo en condicións de normalidade, xa que esta non se está a dar na actualidade por culpa da concesionaria.
Por último, o BNG tamén explicará, con independencia da intervención, que se pode facer para que o Concello da Coruña rescinda a contrata por incumprimento grave das obrigas da empresa.