O BNG presentará un voto particular ao modificativo para recuperar parte da paga extra de 2012
A Coruña, 14 de outubro de 2015.- O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego no Concello da Coruña, logo de acceder ao expediente do modificativo de crédito que se levará mañá a Xunta de Goberno Local e a Comisión Informativa de Facenda e Administración Pública, anuncia que presentará un voto particular ao ditame desta comisión para reclamar que a baixa de máis de 467.000 euros no Capitulo I. Gastos de Persoal se reserve para o reintegro da paga extra do funcionariado de 2012.
O BNG presentará un voto particular para reclamar que a baixa de máis de 467.000 euros de Persoal se reserve para o reintegro da paga extra do funcionariado de 2012
O BNG lembra que sempre se opuxo ao Real decreto lei 20/2012, aprobado polo Partido Popular polo que se suprimiu a paga extraordinaria de 2012 das traballadoras e traballadores públicos, por tratarse dunha lexislación que culpaba e empobrecía a clase traballadora. A formación nacionalista manifesta que sempre denunciou a privatización dos servizos básicos e o aumento da débeda do Estado, non debida ao gasto público senón á asunción da débeda da banca froito dos seus excesos, mentres se lle rebaixaba o salario ao funcionariado.
Así, as nacionalistas advirten que a aprobación do Real decreto lei 10/2015 introduce novidades a respecto da proposta de modificativo que foi a pleno o 14 de setembro. E é que este real decreto indica literalmente que as distintas Administracións públicas, así como os seus entes dependentes e vinculados, aboarán dentro do exercicio 2015, e por unha soa vez, unha retribución de carácter extraordinario cuxo importe será o equivalente a 48 días ou 26,23 % dos importes deixados de percibir por consecuencia da supresión da paga extraordinaria.
As nacionalistas advirten que a aprobación do Real decreto lei 10/2015, que dispón para este ano que as Administracións públicas deberán aboar o pagamento do 26,23 % da paga extra do funcionariado de 2012, supón unha novidade a respecto da proposta de M1B/2015
Deste xeito, o Bloque indica que a cantidade de 467.452,52 euros, que supón a baixa no Capítulo I. Gastos de Persoal, agora mesmo non se pode considerar como sobrante xa que, a xuízo das nacionalistas, existe unha obriga de pagamento ás traballadoras e traballadores municipais dese 26,23 % da paga extra que o Partido Popular teimou en quitarlle no ano 2012.
Cos cartos que se reservarían ao anular a baixa de Gasto en Persoal podería cubrirse máis da metade da parte da paga extra do funcionariado municipal que corresponde aboar en 2015, facilitando que se poida completar até o total con outros recursos do Concello da Coruña dos que se prevé dispor antes de final de ano, sinalan as nacionalistas.
Por último, o Bloque Nacionalista Galego lembra que, de non aboarse este ano o 26,23% da extra de 2012, tería que preverse unha cantidade suficiente no orzamento de 2016 para cumprir co pagamento da totalidade do importe da paga extraordinaria que as funcionarias e os funcionarios do Concello da Coruña deixaron de percibir, o que imposibilitaría empregar eses cartos para novos fins.