O BNG concéntrase contra uns "raquíticos e esqueléticos orzamentos"

O BNG concéntrase contra uns "raquíticos e esqueléticos orzamentos"

A Coruña, 28 de setembro de 2012.- O BNG da Coruña concentrouse esta mañá coa CIG diante da Delegación do Goberno contra uns restritivos orzamentos do Goberno central. O candidato pola Coruña, Suso Bermello, que estivo acompañado do concelleiro Xan Caxigal, cualificou de "esqueléticas" e de "raquíticas" as contas. "Baixo a escusa da austeridade e o control do déficit público, os orzamentos afondarán no recorte de dereitos e no deterioramento das condicións laborais e de vida das maiorías sociais", sinalou.

O candidato do BNG criticou que "a tesoira do PP cae sempre do mesmo lado: no estado de benestar, nas maiorías sociais e nos empregados e empregadas públicas". Ademais, o nacionalista preveu que estes orzamentos "van traer máis crise, menos consumo e máis paro".

Sobre a conxelación salarial aos e ás empregadas públicas sinalou que "as palabras do PP nada teñen a ver coa realidade, xa que este sector da poboación perdeu xa un 30% do seu poder adquisitivo con tantas conxelacións salariais. Trátase dunha baixada de salarios en toda regra", advertiu.

Por último, expuxo que os orzamentos "acabarán sendo papel mollado, porque quedarán anulados polos seguintes recortes salvaxes que irá aprobando o Goberno de Rajoy tras o seguinte rescate, despois das eleccións galegas. "É o momento de pararlle os pés ao PP, o 21 de outubro é a grande oportunidade que temos de frear este tipo de políticas neoliberais", concluíu.

 

 

O BNG concéntrase contra uns "raquíticos e esqueléticos orzamentos"