O BNG critica que o Sr. Negreira non se preocupara por resolver o futuro de Alcoa
Ao Sr. Negreira deberíaselle de caer a cara de vergoña coa súa compañeira Beatriz Mato que, malia ser a conselleira do ramo, se declarou incompetente para solucionar o problema de Alcoa
O Grupo Municipal do BNG considera unha perda de oportunidade que Mato se desmarcara do futuro laboral de Alcoa, malia ter de presidente do Goberno central o seu compañeiro de partido. Lembran os nacionalistas que o Estado pode solucionar o problema da tarifa eléctrica, asunto distinto é a incapacidade da "conselleira do desemprego" para interceder en defensa do mantemento dos postos de traballo no país. O BNG, que xa diante de todas as institucións, e desde meses atrás, defendera a continuidade de Alcoa, critica que nin a coruñesa Beatriz Mato nin os deputados do PP pola Coruña se preocuparan por solucionar o futuro de Alcoa, que ameaza con converter a nosa comacra nun gran deserto industrial.
Por último, os nacionalistas advirten de que Alcoa precisa saber se vai dispór dunha tarifa enerxética competitiva antes do 5 de outubro (prazo relacionado cos prazos para pechar os contratos cos seus clientes para o vindeiro ano).
O BNG apoiará os traballadores na concentración de mañá
O BNG da Coruña amosa o seu apoio aos traballadores de Alcoa, que se concentrarán mañá, mércores, ás 12h, fronte á Delegación do Goberno.