O BNG aproba o modificativo, mais con críticas á falta de planificación e a decisións como deixar sen convenio a Feira do Libro
A mudanza nas contas ten como fin fundamental dotar de recursos o Concello para a realización das festas do verán. Tamén hai unha partida para os grupos municipais.
“O BNG, por responsabilidade, non vai empecer que haxa crédito para facer fronte a estes compromisos” -que en parte xa foron acordados polos grupos municipais no Pleno de organización realizado o pasado 29 de xuño-, esclareceu Jorquera, mais a seguir criticou que “é obvio que este modificativo chega tarde -estamos a fins de xullo cando as festas están a piques de comezar”.
A orixe desta demora na aprobación do modificativo de crédito, remarcou, é “a falla de previsión orzamentaria” que caracterizou o Goberno Local xa durante o pasado mandato. “Ter que recorrer a modificativos no verán para pagar as festas estase a converter nunha práctica sistemática, reveladora dunha falta de previsión”, censurou.
Recórrese con frecuencia a modificativos por unha deficiente planificación por parte do Goberno Local do PSOE en parte tamén como consecuencia “da decisión, que o BNG non compartiu en ningún momento, de prorrogar os orzamentos de 2022, de renunciar a que o Concello tivese uns novos orzamentos en 2023”, acrecentou.
Entre as tachas que Jorquera lle pon ao xeito de funcionar do Concello está a súa tendencia a converter en algo normal algo que non o debería de ser: “a práctica do ti vai facendo”, isto é, “comprometer gasto antes de que ese gasto estea aprobado polo Pleno”.
Unha práctica que se ve acompañada doutra identicamente impresentábel, a de “deixar facer en eventos que requiren da autorización do Concello” como no festival Wake Up and Dream, marcado por irregularidades na concesión da súa licenza como este mércores denunciou, en conferencia de prensa, a nosa concelleira Avia Veira.
Mais as críticas do portavoz do BNG tamén se estenderon a aspectos relativos á política cultural do Executivo presidido por Inés Rey. “Parécenos escandaloso o acontecido coa Feira do Libro”, abandonada por un Goberno Local que se comprometera coa Federación de Libreiros de Galiza a lle asinar un convenio dotado con 50 mil euros para finalmente só lle entregar 15 mil para gastos menores.
“Cultura é moito máis que promoción. Moito máis que festas e espectáculos. Lamentamos que estes continúen a absorber a maioría dos recursos e que na programación das festas apenas se promovan os artistas e os criadores locais”, censurou.
Obxectou tamén Jorquera que o modificativo de crédito elimine, no capítulo de baixas, unha partida de 300 mil euros que se destinaba inicialmente nas contas do Concello ao programa Mover os Baixos.
“Posibelmente este programa necesite dunha reorientación, pero si que é preciso mantelo como pactamos no Acordo de Investidura”, remarcou.
Na coda da súa intervención, Jorquera deixou dous apuntamentos. Primeiro, un recordatorio ao Goberno Local: que, tal e como comprometeu no Acordo de Investidura, debe ter preparado no mes de setembro un rascuño dos orzamentos para 2024 con vistas á súa negociación co BNG. Segundo, hai unha sensación xeneralizada na cidade de que o Concello “continúa sumido nunha situación de parálise”. “Póñanse as pilas”, urxiu o noso portavoz.