SEN GARANTÍAS DE PRESERVACIÓN DUN ESPAZO PROTEXIDO

Avia Veira destapa as irregularidades na tramitación da licenza do festival Wake up and dream

rolda_avia_Bens_1
Avia Veira, durante a comparecencia perante os medios
A tramitación por parte do Concello da licenza para a realización do festival Wake Up and Dream no Parque de Bens, na contorna do espazo protexido das Illas de San Pedro, estivo chea de “anomalías e irregularidades” e constitúe unha “trapallada”, afirmou esta mañá en conferencia de prensa a concelleira do BNG Avia Veira.
Avia Veira destapa as irregularidades na tramitación da licenza do festival Wake up and dream

A tramitación por parte do Concello da licenza para a realización do festival Wake Up and Dream no Parque de Bens, na contorna do espazo protexido das Illas de San Pedro, estivo chea de “anomalías e irregularidades” e constitúe unha “trapallada”, afirmou esta mañá en conferencia de prensa a concelleira do BNG Avia Veira.

“Traspasáronse todos os límites e desde logo non imos tolerar que algo así volve acontecer”, remarcou a edil nacionalista. “Estamos ante un episodio que se enmarca nunha tradición lamentábel, a do ti vai facendo. Houbo unha total falta de respecto polos procedementos que deberían ter garantido a preservación do Espazo Natural de Interese Local (ENIL) das Illas de San Pedro, cuxa fauna e flora se viron expostas ao impacto do festival”, engadiu.

Boa mostra de que estamos ante un forma de funcionar propia do ti vai facendo é que o promotor do evento anunciou que este se ía realizar no Parque de Bens á altura do pasado mes de abril e que comezou a vender as entradas o 3 de maio, moito antes de que solicitase a licenza -o día 12 de xuño.

“O 17 de maio xa apareceu nas redes sociais o cartel do festival co logo do Concello, case un mes antes de que se pedira a licenza”, afirma Avia Veira. A autorización para a realización do espectáculo concedeuse o mesmo día, o 14 de xullo, da súa inauguración.

 

rolda_Avia_Bens_3
Un momento da comparecencia

“Como é posíbel que o Concello prestase o seu logo ao promotor o 17 de maio cando este aínda non presentara a solicitude da licenza?”, pregúntase a concelleira nacionalista.

Mais xa non se trata só dos prazos e do anuncio do festival antes mesmo de se solicitar a licenza, a tramitación do permiso tamén está inzada de anomalías.

Así, segundo explicou Avia Veira nesta conferencia de prensa, no expediente da licenza falta documentación relevante “a respecto de asuntos relativos á seguridade e á preservación do medio ambiente”.

“É particularmente grave que non exista un informe ambiental favorábel que autorice a realización do festival nun parque situado a carón dun ENIL”, denuncia.

Tampouco se contemplou ningunha garantía de cumprimento da ordenanza dos ruídos, tendo en conta o impacto dos decibelios sobre a fauna da contorna. “Non nos consta que houbese ningún control sobre o nivel de ruídos e si, en cambio, coñecemos medicións de particulares e denuncias de veciñas e veciños á Policía Local sobre unha contaminación acústica que claramente superaba os límites da ordenanza. O festival chegouse a escoitar á altura da Domus ou do Ventorrillo”.

Non conclúen aquí as anomalías e nese sentido a Avia Veira chámalle moito a atención que “sendo un evento cultural, a licenza viñese asinada pola xefa de servizos de Deportes e non de Cultura”.

En conclusión, toda a tramitación da licenza foi unha “trapallada inadmisíbel e propia dunha administración que garanta os dereitos da veciñanza e a preservación do medio ambiente natural”.

“É obvio que existían emprazamentos alternativos ao Parque de Bens para a realización deste evento, tal e como o BNG defendeu desde un principio. O Goberno Local non só non nos fixo caso, senón que levou adiante o proceso de autorización da licenza sen o rigor que lle é esixíbel a unha administración pública”, remarcou Veira, quen concluíu cun toque de atención ao Goberno Local: “Desde logo, que teñan ben claro que non imos tolerar que algo así volva acontecer”.

 

Avia Veira destapa as irregularidades na tramitación da licenza do festival Wake up and dream