O BNG anuncia unha campaña a pé de rúa contra o trasfego de auga de Meirama a Cecebre
A Coruña, 31 de outubro de 2013.- A Comisión de Estudo sobre o o trasfego de auga de Meirama a Cecebre, creada no seo do BNG da comarca, vén de acordar unha campaña na rúa co fin de que a Xunta de Galiza suspenda este proxecto carente de interese xeral, que só responde aos intereses de empresas privadas e que vai supor un empeoramento da calidade da auga que consumirá o pobo. Esta campaña a pé de rúa do BNG da comarca vén complementar o labor que están a desenvolver as nacionalistas nas institucións. Precisamente, o BNG reclamou no Parlamento de Galiza acabar con este proxecto que só beneficia empresas privadas, nomeadamente de Gas Natural e a concesionaria da minicentral hidroeléctrica que aproveitará a auga ao pé do encoro de Cecebre, por conta de cartos públicos.
A Comisión de Estudo, que está traballando nas alegacións ao proxecto da primeira fase deste trasfego, denuncia que tiña que ser Gas Natural Fenosa quen desaugase o lago artificial de Meirama ao río Barcés e non a Xunta de Galiza, que consignou 1,4 millóns de euros nos orzamentos de 2014 para este fin.
O pobo será quen pague as consecuencias do trasfego con millóns de cartos públicos e cun empeoramento da auga
A Comisión de Estudo creada polo BNG salienta que o pobo é o principal prexudicado deste proxecto. Así, mentres Gas Natural Fenosa aforra os 1,4 millóns do desaugue do lago de Meirama ao río Barcés e mentres a concesionaria da minicentral poderá lucrarse da obra, o pobo terá que pagar unha millonada de cartos públicos e, á vez, sufrirá un empeoramento da calidade de auga. E é que todos os informes de impacto ambiental ao redor do proxecto de transvasamento de auga e da enchedura da mina de Meirama advirten da necesaria depuración das augas do lago artificial pola alta contaminación.
O BNG pon de manifesto que o informe de impacto ambiental, de 2 de abril de 2009, da enchedura da mina de Meirama afirma que tería que ser Gas Natural Fenosa quen tratase a auga antes de que a auga saíse do lago. Porén, unha vez máis, a xenerosidade do Partido Popular coas empresas privadas provoca que sexa o pobo, a través de Emalcsa, quen pague o tratamento depurativo da auga.