O BNG anima a cidadanía a presentar alegacións ao trasvase de Meirama a Cecebre
A Coruña, 22 de outubro de 2013.- O BNG da comarca da Coruña vai crear unha Comisión de Estudo sobre o proxecto construtivo da primeira fase do trasvase de auga de Meirama a Cecebre (a exposición pública desde o venres) de cara a presentar alegacións e a poñelas en común con diferentes colectivos preocupados polo impacto medio ambiental e social desta obra, carente de interese xeral.
O responsábel comarcal do BNG, Paulo Carballada, anima a cidadanía a presentar alegacións ao proxecto durante os 30 días de exposición pública e anuncia que a formación frontista dará a coñecer as claves do trasvase de Meirama a Cecebre entre as habitantes da comarca. Sinala que o proxecto está moi lonxe de responder a un problema de abastecemento de auga e responde a intereses privados para facer rendíbel unha minicentral. O BNG oponse a que siga adiante o proxecto de minicentral, un proxecto que, curiosamente, o PP está a tramitar con moita dilexencia. De feito, os orzamentos da Xunta de Galiza recollen 1,4 millóns de euros para iniciar as obras.
Paulo Carballada salienta que as previsións de crecemento demográfico que recolle o proxecto non teñen nin pés nin cabeza. O despropósito é tal que o informe, de cara a xustificar a suposta necesidade de abastacemento de auga, alude ao Hotel Sada que, di, pode darlle cabida a 900 persoas, cando este hotel leva meses pechado.
O tratamento de potabilización de Meirama, ateigada de metais pesados, pode encarecer, aínda máis, o recibo da auga
Pola outra banda, o responsábel comarcal do BNG advirte do máis que probábel encarecemento do recibo da auga derivado do tratamento de potabilización. O propio estudo en exposición pública admite os altos niveis de níquel da auga de Meirama e di que os materiais pesados poden subsanarse con tratamento, de xeito que a auga non dane o ecosistema e sexa apta para o consumo. Este tratamento, insiste o nacionalista, posibelmente teña impacto na factura da auga.