MOCIÓN PARA O SEU DEBATE NO PLENO DO 4F

O BNG alerta o Goberno Local sobre o mal estado do edificio da Fundación Luís Seoane, que pon en risco o legado do artista

Edificio sede Fundación Luís Seoane
Exterior da Fundación
O edificio que alberga a sede da Fundación Luís Seoane áchase nun preocupante estado de deterioración que por unha banda dificulta o desenvolvemento normal das súas actividades e por outra mesmo pon en risco a conservación da obra dunha das figuras centrais da cultura galega no século XX.
O BNG alerta o Goberno Local sobre o mal estado do edificio da Fundación Luís Seoane, que pon en risco o legado do artista

Esta circunstancia leva o portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, a instar o Goberno Local a que inclúa nas previsións orzamentarias para 2021 o saneamento e posta a punto do edificio.

A proposta fai parte dunha moción que o Bloque vai levar ao Pleno do Concello axendado para o xoves 5 de febreiro.

No texto da iniciativa, Jorquera pon en destaque o carácter de Luís Seoane como unha “figura chave da cultura galega do século XX”, non só pola calidade enorme da súa creación pictórica –o artista tamén destacou como gravador e debuxante- senón tamén pola súa condición de intelectual e promotor de todo tipo de actividades culturais, quer primeiro na Galiza quer logo no exilio.

A Coruña ten o orgullo de acoller boa parte do legado e obra de Seoane e quen ten a misión de o preservar é a Fundación que, a instancias do Concello da Coruña, e grazas aos bos oficios da súa viúva, se creou en 1996. Cumpre lembrar a este respecto que a presidenta da entidade é a alcaldesa.

No texto da iniciativa, Jorquera pon en destaque o carácter de Luís Seoane como unha “figura chave da cultura galega do século XX”

“A Fundación Luís Seoane reúne os vimbios para se converter nun centro de referencia da arte contemporánea galega. Unha aposta aínda máis importante nunha cidade que asistiu en 2018 ao peche do MAC, sen que polo de agora se albisque unha solución que permita a súa recuperación”, salienta Jorquera.

O problema é que o potencial da Fundación se ve seriamente lastrado polo lamentábel estado de conservación que presenta o edificio que lle serve como sede.

Os males que o aqueixan son entre outros, pormenoriza Jorquera na moción, “humidades e filtracións que provocan numerosas pingueiras no seu interior e a conseguinte proliferación de fungos; ausencia de climatización pois o sistema está avariado dende hai varios anos; desprendementos de cubertas e un longo etcétera”.

O potencial da Fundación se ve seriamente lastrado polo lamentábel estado de conservación que presenta o edificio que lle serve como sede

Consecuencia de todo isto é que dentro do edificio a temperatura media está entre os 14 e os 15 graos e a humidade relativa é “altísima”, o que debuxa un cadro “moi lonxe do esixíbel nun espazo onde se custodian e expoñen obras artísticas”.

Está en risco, por tanto, a colección artística de Seoane, moi nomeadamente a obra en papel (debuxo, gravado, documentación), mais susceptíbel aos danos por humidades. “De feito”, advirte o portavoz nacionalista, “xa houbo obras que se viron afectadas”.

O Concello, por tanto, debe actuar e debe facelo canto antes. Alén de incluír unha asignación orzamentaria este mesmo ano para sanear a sede, o Goberno Local é instado polo BNG a deseñar un plan de posta en valor do legado e obra de Seoane “como un elemento de atracción cultural da nosa cidade e unha ferramenta de proxección da cidade da Coruña no eido das artes plásticas contemporáneas, mesmo a nivel internacional”.

Está en risco, por tanto, a colección artística de Seoane, moi nomeadamente a obra en papel (debuxo, gravado, documentación), mais susceptíbel aos danos por humidades

O BNG empraza tamén o executivo coruñés a que, en colaboración co Padroado da Fundación, defina un proxecto museístico para facer da Fundación “un centro de referencia da arte contemporánea galega”.

Por último, a moción do Bloque insta o Goberno Local a que demande da Xunta participación no financiamento das obras a realizar no edificio en particular e das súas actividades ordinarias en xeral. É lóxico que o faga, sendo que a Administración galega é membro do Padroado e é tamén a institución titular das principais competencias en materia de cultura.

O BNG alerta o Goberno Local sobre o mal estado do edificio da Fundación Luís Seoane, que pon en risco o legado do artista