O BNG alerta dunha próxima suba do IBI
A Coruña, 8 de outubro de 2013.- Durante a sesión plenaria desta mañá, o portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, pediulle ao Goberno do Sr. Negreira que estude o proxecto de lei de medidas de materia de fiscalidade medioambiental e doutras medidas tributarias e financeiras para evitar o encarecemento do Imposto de Bens Inmobles (IBI). Sinalou Carril que o único xeito de garantir que o IBI non medre no 2014 pasa por incoar de inmediato unha modificación da ordenanza fiscal do IBI actualmente en vigor, a Ordenanza fiscal número 51, deixando o tipo impositivo anterior, é dicir, 0,5454%. Deste xeito, unha vez entrase en vigor a normativa en trámite, o tipo impositivo a aplicar sería o 0,60% e non o 0,66%. Engadiu que isto xa o están a facer moitos concellos do Estado español, caso de Colmenar ou de Getafe.
O portavoz do Grupo Municipal do BNG explicou que o citado proxecto de lei recolle, no seu art.8, que con efectos para os periodos impositivos que se inicien no 2014 e no 2015 os tipos de gravame do IBI resultarán incrementados no 10%, non puidendo resultar o tipo de gravame mínimo e supletorio inferior ao 0,6%.
Así, o incremento é do 10% respecto do tipo impositivo estabelecido polas ordenanzas fiscais da Coruña, que na actualidade é do 0,60%. É dicir, se o Goberno municipal non modificase a ordenanza do 2012 (a que está a ter efectos no 2013), o tipo impositivo do IBI subiría no 2014 ao 0,60%. Porén, ao ter fixado anteriormente un tipo impositivo do 0,60% habería que aplicar o incremento do 10% sobre este 0,60% e non sobre o 0,5454% anterior. Deste non modificar o Goberno municipal a citada ordenanza, o tipo impositivo para o ano 2014 sería do 0,66%.