O BNG alerta de que detrás da supresión do tren de colectores virá o dos graneis
A Coruña, 25 de xullo de 2014- O Grupo Municipal do BNG alerta de que se non se lle pon remedio detrás da supresión do servizo ferroviario de transporte de colectores no porto virá a anulación do servizo ferroviario de transporte dos graneis e dos sólidos. E, a continuación, visto o PXOM do 2013, erixiranse os rañaceos de até 10 plantas no lugar da estación de San Diego. E é que a grande aposta do PP para o porto da Coruña é a especulación e o beneficio dos grandes promotores.
Tal e como salientan os profesionais do sector, o transporte de colectores por vías de ferro no porto é o transporte do futuro. Porén, o PP deixou fenecer o transporte destas mercadorías por camiños de ferro amparándose nunha política comercial de Renfe nefasta. A día de hoxe o tráfico ferroviario de colectores era moi testemuñal, pois reducírase o número de trens que prestaban este servizo: de saír un tres ao día pasouse a saír un tren á semana.
O Grupo Municipal do BNG denuncia o desmantelamento do ferrocarril público por parte do PP, que pretende darlle a entrada aos operadores privados nun proceso de privatización altamente perxudicial para o transporte de mercadorías e o de viaxeiros e viaxeiras. Este desmantelamento está a provocar que o tráfico de mercadorías a nivel global en Galiza estea entre o 4 e o 5%, segundo os datos de profesionais do sector, mentres que a media estatal se sitúa entre o 20 e o 25%.