O BNG advirte de que a suba do prezo do bus vai ser maior para a xente con menos posibilidades
A Coruña, 6 de decembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG denuncia que unha vez máis, o Goberno do Sr. Negreira prexudica as persoas máis desfavorecidas. Nesta ocasión, trátase do encarecemento do billete do autobús, que lle aumenta máis, porcentualmente, ás persoas con menos capacidade económica. De se confirmaren os datos barallados estes días, o encarecemento do billete será maior para a xente con menos recursos.
Así, mentres a tarifa xenérica aumenta un 5,83% (até os 1,27 euros) respecto do ano pasado, o bonobús escolar, o das persoas xubilidas, con discapacidade e desempregadas subiría un 10% (até os 33 céntimos) e o bonobús para universitarios subiría un 11,1% (até os 30 céntimos). Pola súa banda, o bonobús ordinario subiría un 9,33% (até os 82 céntimos). Demóstrase, así, que o Goberno do Sr. Negreira fai recaer o peso da crise nas persoas que menos teñen, denuncia o Grupo Municipal do BNG.
Os nacionalistas insisten en que é indispensábel revisar a concesión da Compañía de Tranvías e, sobre todo, a fórmula de cálculo do prezo dos billetes, unha fórmula perversa que provoca que todos os anos se encareza o prezo xenérico do bus e dos bonobuses e que, á vez, aumenten as subvencións que o Concello da Coruña lle outorga á empresa. O Grupo Municipal do BNG advirte de que se o Sr. Negreira non corrixe esta fórmula o ano que vén volverá subir o prezo do bus e, en consecuencia, aumentarán as subvencións.
Á vista destes datos, os nacionalistas pregúntanse a que espera o Goberno municipal para corrixir esta fórmula que vai directamente aos petos dos e das usuarias do bus e mais ás arcas municipais. Insiste o BNG en que a revisión da concesión e mais desta perversa fórmula polinómica é só cuestión de vontade política, xa que así o contempla o Regulamento do Servizo de Transporte Urbano da Coruña. En época de forte crise, como a actual, é inconcebíbel encarecerlle o uso do transporte público á cidadanía e, por riba, con maior impacto nas persoas desempregadas, pensionistas, con dispacidade e no estudantado, cando nin sequera se producen melloras no servizo.