A "democracia" de Negreia lévao a mandar retirar unha pancarta inofensiva de veciñ@s da Gaiteira

A "democracia" de Negreia lévao a mandar retirar unha pancarta inofensiva de veciñ@s da Gaiteira

A Coruña, 6 de decembro de 2012.- A concelleira María Xosé Bravo traslada as queixas da A VV Oza-A Gaiteira-Os Castros, que denunciaron que esta mañá unha brigada da policía local e de bombeiros acudiron á rúa da Gaiteira para quitar unha faixa que a entidade veciñal colgara entre dous postes coa lenda “A rúa para a veciñanza. Non á mediana”, en alusión á obra de 1 millón de euros que vai deixar a rúa dividida en dúas partes.

Bravo critica esta actitude do Goberno municipal, que xusto cando celebra o día da constitución demostra que a democracia nonvai con el. “Semella que volvemos a épocas pretéritas”, advirte Bravo, que se pregunta que dano facía a faixa colgada na rúa, sen lema ofensivo ningún, e que denuncia o custo que supón enviar unha brigada da policía local e dos bombeiros a retirar a pancarta.

A concelleira do BNG lémbralle ao Sr. Negreira que traballe para todos os veciños e veciñas, tamén para os da Gaiteira, e non só para os seus amigos, e esixílle que sente a dialogar con eles para negociar o deseño dunha actuación de reforma da rúa que custará 1 millón de euros. Os veciños e veciñas, comerciantes e hostaleiros, que denuncian o custo desproporcionado da obra, pídenlle ao Goberno municipal que reutilice material da rúa que se atopa en bo estado e que cambie o deseño da obra.

 

A nacionalista fai de correa de transmisión da veciñanza, comerciantes e hostaleiros para rexeitar a mediana que dividirá en dúas partes esta rúa estreita e para oporse a que as obras duren todo un ano. “Que as obras duren un ano supón a morte dos locais de hostalaría e de pequeno comercio que subsisten na Gaiteira”, sinala Bravo, quen lle advirte ao Goberno municipal de que “terá o BNG en fronte se quer facer a obra tal cal a deseñaron e sen contar coa xente da zona”.

A "democracia" de Negreia lévao a mandar retirar unha pancarta inofensiva de veciñ@s da Gaiteira