O BNG abstense na votación dos orzamentos 2022 pola súa tramitación "antidemocrática" e por conteren previsións "non críbeis"

Avia Veira e Francisco Jorquera Pleno Orzamentos 2022
Veira e Jorquera, no Pleno de orzamentos
O grupo municipal do BNG optou pola abstención na votación da aprobación inicial do proxecto de orzamentos do Concello para 2022.
O BNG abstense na votación dos orzamentos 2022 pola súa tramitación "antidemocrática" e por conteren previsións "non críbeis"

O argumento fundamental que explica o sentido de voto nacionalista remite para a falta de credibilidade deste proxecto. “Un bon proxecto de orzamentos ten que ser solvente e críbel. E temos motivos para pensar que algunhas das previsións que se contemplan nestes orzamentos non son críbeis. E para dubidar da vontade e capacidade de as levar a cabo. Por esa razón non podemos votar a favor dese proxecto de orzamentos”, explicou na súa intervención neste Pleno extraordinario e urxente o noso voceiro na cámara municipal, Francisco Jorquera.

Dubidamos da capacidade de as levar a cabo porque os orzamentos despois teñen que executarse e o BNG pon en cuestión a solvencia do Goberno Local á hora de materializar as súas previsións. “Hai un refrán que di que ‘o papel aguántao todo’. Non abonda con plasmar propostas nun papel”, dixo Jorquera.

O BNG criticou tamén o procedemento antidemócratico co que o Goberno Local tramitou o proxecto de orzamentos até o de agora, sen lle dar tempo á oposición a acceder á documentación coa suficiente antelación para a estudar e se formar unha opinión cabal do seu contido.

Avia Veira e Francisco Jorquera Orzamentos 2022
Avia Veira e Francisco Jorquera diríxense ao salón de plenos

A tramitación careceu das máis mínimas garantías democráticas, obxectou Jorquera na súa quenda á hora de fixar posición sobre o carácter urxente ou non deste pleno extraordinario. O BNG emitiu un voto negativo por considerar que o Goberno Local vulnerara os dereitos da oposición ao non lle permitir ter acceso á documentación en tempo e forma.

“Repasemos. Antonte, martes, día 8”, relatou Jorquera, “recibimos ás 11.53 horas convocatoria da Xunta de Goberno extraordinaria para aprobar o proxecto de orzamentos. Hora de reunión: 12 h. É dicir, sete minutos despois da recepción da convocatoria”.

“E aínda por riba a documentación que acompaña a convocatoria é incompleta”, esténdese Jorquera, “e non se remite o conxunto dela até as 12.04 horas. Ou sexa, 4 minutos despois da data de inicio fixada para a Xunta de Goberno”.

Non ficou aí a cousa. Ese mesmo día, ás 13.04 horas, o noso grupo municipal recibiu convocatoria de reunión extraordinaria e urxente da Comisión de Facenda para ditaminar o proxecto de orzamentos a se realizar ás 13.30. Ou sexa, “tan só 25 minutos despois da recepción da convocatoria”.

Esta falta de formalidade e de respecto das garantías democráticas leva Jorquera a concluír que “fomos convocados para ditaminar un proxecto de orzamentos sen tempo material, non xa para estudar, senón tan sequera para poder consultar a documentación”.

Orza
Jorquera, nun momento do debate

E xa, para pór o ramo a tanta desfeita, ese mesmo día convócase o Pleno extraordinario que se realiza hoxe, “sen posibilidade, pois, de estudar o proxecto de orzamentos cun mínimo detemento”, lamenta Jorquera.

Como era de prever, o Goberno Local, por boca do seu voceiro, José Manuel Lage, argumentou que hai uns días convocou os grupos da oposición –a convocatoria fíxoa conxuntamente coa Marea Atlántica- a unha reunión e que estes non asistiron a ela.

O asunto é que esa reunión foi convocada para “escoitar as propostas” da oposición e o BNG xa dera traslado delas, sen obter ningunha resposta, o pasado mes de outubro.

“Era evidente que só pretendían, unha vez que tiñan fechado un acordo, dar unha falsa aparencia de diálogo para lle lavar a cara a un proceso de negociación levado a cabo con total falta de transparencia e con exclusións sectarias”, avalía Jorquera.

Como era previsíbel, Lage alegou que a oposición fora convocada a unha reunión e que o BNG decidiu non asistir. Pero omitiu dicir que esa reunión era para escoitar propostas e que o Bloque xa as fixera no pasado mes de outubro, sen ter recibido ningunha resposta

Pero é que, alén diso, é un “insulto á intelixencia” argüír que a oposición non está informada dos orzamentos por non ter acudido a aquela reunión. “Vostede sabe”, dixo Jorquera interpelando José Manuel Lage, “que daquela non había stricto sensu un proxecto de orzamentos, o que había é o texto de acordo entre o PSOE e a Marea”.

É obvio que naquela reunión o Goberno Local non estaba en disposición de lle presentar ao BNG o proxecto de orzamentos porque “nin sequera estaba listo en tempo e forma para a aprobación inicial na Xunta de Goberno Local e o seu ditame pola Comisión de Facenda o pasado martes”.

Grandes liñas do orzamento

Jorquera celebrou, en todo caso, que nas contas se incorporen algunhas “propostas feitas” pola nosa formación política, como o importante incremento dos investimentos ou o gasto social.

Os orzamentos hainos despois que executar. “Orzar non é executar. E os antecedentes, a respecto do grao de cumprimento das previsións orzamentais, non son moi tranquilizadoras”, alertou Jorquera.

Nese sentido, o voceiro do grupo nacionalista salientou que o BNG xa en 2021 propuxera ir a unha operación de crédito para incrementar a dotación do PRESCO. “Daquela os grupos asinantes do acordo orzamental opuxéronse a esta proposta. Celebremos que agora rectifiquen”.

Tamén viu positivo Jorquera o esforzo que se contempla en materia de vivenda, mais, obxectou, “para facer políticas nesa área é necesario que haxa unha Concellaría de Vivenda e de momento ficamos sen ela”.

E logo hai unha “ausencia clamorosa”, a de non figurar no capítulo de Medio Ambiente dotación ningunha para a nova planta de Nostián. “Confirmación de que non se vai licitar o novo contrato neste mandato”, co cal dificilmente se poden pintar os orzamentos “de verde”.

Por contra, celebrou Jorquera que “aínda que agora se lle chame con outro nome”, se contemple a proposta do BNG de crear unha bolsa de baixos comerciais, proposta que xa ía no Acordo de Investidura que subscribimos co grupo municipal socialista.

Nas contas hai unha “ausencia clamorosa”, a de non figurar no capítulo de Medio Ambiente dotación ningunha para a nova planta de Nostián

E canto á Cultura, aínda véndomos ben algúns dos investimentos que se contemplan, “non hai orzamento que supla a falta de proxecto cultural. E a falta de dirección e de compromiso real”, subliñou Jorquera.

A exclusión do BNG

A exclusión do BNG na negociación do proxecto de orzamentos foi xustificada polo portavoz do Goberno Local co argumento de que “con vostedes non sumamos”. Retrucoulle Jorquera que “tampouco eran necesarios os nosos votos no Acordo de Investidura” e negociaron por eles até o punto de “ofrecernos entrar no goberno, como vostede mesmo acaba de lembrar aquí”.

“O que non podemos entender, nin avalar, é un comportamento sectario e excluínte e unha negociación feita con total falta de transparencia. E moito menos podemos entender e avalar un xeito de proceder que vulnera os dereitos dos grupos da oposición e as máis elementais formas democráticas”, conclúe Jorquera.

 

 

O BNG abstense na votación dos orzamentos 2022 pola súa tramitación "antidemocrática" e por conteren previsións "non críbeis"