Axenda Urbana 2030: o Goberno Local atropela os dereitos da oposición ao aprobala pola porta de atrás

IMG-20220912-WA0001
Veira atendendo os medios
Como unha “chafallada” e un “atropelo aos dereitos democráticos da oposición” cualificou esta mañá a concelleira do BNG Avia Veira a decisión do Goberno Local de aprobar a Axenda Urbana 2030 na Xunta de Goberno Local e non no Pleno da Corporación. “É un documento que trascende este mandato e o próximo, por tanto, debería ser produto do diálogo e das achegas de todos os grupos”, avalía a edil nacionalista. “Apróbase pola porta de atrás”, remarca.
Axenda Urbana 2030: o Goberno Local atropela os dereitos da oposición ao aprobala pola porta de atrás

Veira, responsábel de Urbanismo do grupo municipal do BNG, fixo estas declaracións antes os medios nunha comparecencia conxunta con Roberto Rodríguez e María García, viceportavoz e portavoz dos grupos municipais do PP e da Marea Atlántica, respectivamente.

“Desde o BNG só podemos cualificar a aprobación da Axenda Urbana 2030 en Xunta de Goberno Local como unha chafallada”, valorizou Veira. “É unha artimaña para salvar os móbeis e non perder a subvención do Estado para a contratación da consultora que redactou o documento da Axenda Urbana”, completou.

En xogo están 250 mil euros, o que percibiu a consultora para realizar o seu traballo. O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana terá que decidir agora se acepta o procedemento seguido polo Goberno Local –aprobación en Xunta de Goberno Local e non en Pleno. Caso de non o aceptar, o Concello perdería esa subvención de 250 mil euros, “e ese diñeiro teríao que sufragar a veciñanza desta cidade a través da Facenda local”, denunciou a concelleira nacionalista.

E o asunto é que o Goberno Local non pode pretextar que descoñecera os prazos. Non había, pois, tanta premura como para non convocar un Pleno. De feito, o Executivo coruñés barallou esa hipótese nos últimos días, despois de convocar os portavoces a unha reunión o pasado mércores en que se lles fixo entrega do documento, un volume dunhas 1.300 páxinas.

“Non discutimos que os prazos puidesen ser axustados, mais a orde que regula esa subvención para a redacción da Axenda Urbana 2030 é de setembro de 2021 e nela se determinaba con clareza que debía estar aprobada antes do 13 de setembro de 2022”, precisou a concelleira do BNG.

E así hoxe mesmo os Plenos de Santiago de Compostela e Pontevedra si que foron convocados para debater a Axenda Urbana, mentres este documento se aprobaba na Coruña “pola porta de atrás” en Xunta de Goberno Local.

Comparecencia conxunta Axenda Urbana 2030

É “un insulto á intelixencia” das forzas políticas da oposición que “se nos diga que non souberon até a semana pasada que tiña que se aprobar antes do 13 de setembro”. Non é só que esa data fose fixada nunha orde de setembro de 2021, é que a propia consultora redactora do documento advertiu diso “no Ágora, cando se comezou cos procesos de preparación, e na última sesión da Mesa da Mobilidade”, coa presenza nesas xuntanzas de integrantes do Goberno Local.

E aínda hai máis: hai un acordo plenario de 3 de decembro de 2021, na parte resolutiva da sesión plenaria, e por tanto xuridicamente vinculante para o Executivo coruñés, “no que acordamos darlle impulso á Axenda Urbana da Coruña 2030 por medio dunha emenda asinada polos tres grupos da oposición”.

Nesa emenda instábase a constituír á maior brevidade posíbel unha Comisión Especial para a Axenda Urbana da Coruña, cuxas funcións ían dirixidas a deseñar un documento que se sometería a debate e aprobación no Pleno. “Falamos dun acordo que é vinculante e que o Goberno Local está obrigado, non só moralmente, senón legalmente, a cumprir e levar a cabo”, subliñou Veira.

O problema é que, unha vez xa aprobado pola Xunta de Goberno Local, o documento xa non admitiría emendas se finalmente for levado ao Pleno. “E isto parécenos grave porque a Axenda Urbana 2030, como seu nome indica, contén obxectivos e proxectos até 2030. Ultrapasa o actual mandato e o seguinte e mesmo a Corporación que resulte electa en 2027”, concluíu a concelleira do BNG.

 

 

Axenda Urbana 2030: o Goberno Local atropela os dereitos da oposición ao aprobala pola porta de atrás