INICIATIVA DE NÉSTOR REGO

O BNG preocúpase no Congreso pola limpeza das augas portuarias da Coruña

Contaminación augas peirao deportivo Oza
Contaminación augas peirao deportivo Oza
Néstor Rego require coñecer a periodicidade coa que o Pelícano 24 realiza os traballos anticontaminación das augas e a súa área de actuación ante a acumulación de lixo e residuos nas últimas semanas.
O BNG preocúpase no Congreso pola limpeza das augas portuarias da Coruña

 

Ante a acumulación de residuos flotando en diferentes zonas do porto da Coruña, o deputado do BNG no Congreso vén de rexistrar iniciativas para que o Goberno do Estado aumente e intensifique os labores de limpeza nas augas portuarias. Néstor Rego presenta unha batería de preguntas para coñecer a periodicidade dos traballos de limpeza realizados polo buque anticontaminación Pelícano 24 e as áreas de actuación da embarcación, así como outras medidas que o executivo estatal contempla para resolver a contaminación mariña.

Na zona denominada como Marina Coruña poden observarse desperdicios e lixos flotando en diferentes áreas, por exemplo na contorna dos pantaláns deportivos de Oza. Ademais, nestes últimos días, o baño na praia próxima de Oza estivo desaconsellado pola presenza de fecais na auga en graos superiores aos recomendábeis.

Cabe lembrar que o porto da Coruña conta cunha embarcación anticontaminación, chamada Pelícano 24, que ten asignada a tarefa de limpar e manter as augas interiores do porto en bo estado. De facto, explica a organización nacionalista, adoitan facer público o resultado deses traballos anticontaminación, dando a coñecer a cantidade de residuos recolleitos e mesmo expódoas puntualmente como unha forma de concienciar sobre o grave problema do contaminación mariña.

BNG demanda incrementar e intensificar o labor de limpeza das augas portuarias da Coruña

Con todo, nos últimos tempos, pódese observar unha acumulación de residuos flotando en diferentes zonas do porto. “Isto leva a pensar que os traballos de limpeza do Pelícano 24 non se realizan ou, cando menos, non coa mesma intensidade, na totalidade das augas portuarias da Coruña, especialmente nas zonas en mans de empresas concesionarias, como son as relacionadas con actividades recreativas” apunta o deputado do BNG no Congreso.

Por este motivo, demanda información sobre a periodicidade coa que o Pelícano realiza os traballos de anticontaminación e a área de actuación da embarcación dentro das augas portuarias. “Queremos saber se tamén se encarga da limpeza nas zonas en mans de concesionarias como son as áreas destinadas a funcións recreativas e mesmo se entra a zona dos pantaláns de Oza dentro das actuacións de limpeza” sinala Rego.

O BNG preocúpase no Congreso pola limpeza das augas portuarias da Coruña