Avia Veira: "A adhesión do Concello á rede de dinaminación é unha nova fantochada do Sr. Mourelo"

Avia Veira: "A adhesión do Concello á rede de dinaminación é unha nova fantochada do Sr. Mourelo"

A Coruña, 23 de abril de 2013.- A concelleira do BNG Avia Veira advertiu esta mañá en rolda de prensa os retrocesos que está a sufrir o Concello da Coruña en materia de lingua, causados polo desprezo do PP coruñés. "Tal e como analizabamos en xaneiro logo dunha reunión con Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, os retrocesos en materia de lingua na nosa cidade van a pasos axigantandos", sinalou. Daquela, lembrou, o BNG denunciara o desmantelamento do Servizo de Normalización Lingüística, a desaparición do galego en concellarías nas que estaba minimamente asentado e a falta total de orzamento para estas políticas, uns retrocesos, apuntou, que vulneran os dereitos lingüísticos das persoas. E hoxe, engadiu, o BNG denuncia que o 010, teléfono de información do Concello, ten como lingua primeira de atendemento o español e que o novo perfil do contratante está só en español, ao igual que a documentación interna e boa parte da normativa municipal.

"É moi chocante que con toda esta actitude negativa o Goberno municipal lle solicite á Xunta de Galiza a súa adhesión á Rede de Dinamización Lingüística, un organismo que foi analizado e criticado amplamente polas persoas que traballan no eido da normalización, en concreto, pola Coordinadora de Traballadores e Traballadoras de Normalización Lingüística (CNTL)", subliñou Avia Veira. Ademais, expuxo que chama moito a atención que no decreto da Alcaldía do 04.03.2013, onde se dispón a designación das persoas que van representar o Concello na rede, aparece como suplente a técnica municipal de Normalización Lingüística e que no informe en que solicita a adhesión á rede non aparecen nin citadas as supostas vantaxes e oportunidades de que o Concello da Coruña forme parte dela.

Neste contexto, a concelleira do BNG salientou que "estamos ante outra mostra do xeito de facer do Sr. Mourelo, que volve facer que fai, como aconteceu co caso da capitalidade europea da mocidade, iniciativa que resultou unha fantochada". Avia Veira lamentou que A Coruña sexa a cidade de Galiza cun maior nivel de incumprimento da lexislación lingüística, malia ser a cidade que, cuantitativamente conta con máis galegofalantes, e evidenciou a escasa importancia que lle dá o Goberno municipal á lingua aludindo aos orzamentos municipais, que non dedicaron nin un só céntimo á normalización.

Avia Veira: "A adhesión do Concello á rede de dinaminación é unha nova fantochada do Sr. Mourelo"