O BNG mobilízase con Velaluz diante da inxusta imputación que pretende amedrentar as vítimas
A Coruña, 23 de abril de 2013.- A secretaria de Implantanción e Estratexia Municipal do BNG, Goretti Sanmartín, acompañada do responsábel comarcal da Coruña, Paulo Carballada, da responsábel comarcal de Acción Feminista, Vitoria Louro, e da responsábel local de Galiza Nova, Alba Sánchez, participou esta mañá na concentración convocada pola asociación contra a violencia de xénero Velaluz fronte á Audiencia Provincial da Coruña. Deste xeito, o Bloque Nacionalista Galego transmitiulle a súa solidariedade ao colectivo e á súa presidenta, imputadas, inxustamente, por un delito de "revelación de segredo" por viren denunciando, desde o ano 2011, os puntos de encontro familiar e as anomalías que foran xa recoñecidas polo Valedor do Pobo e a propia Xunta de Galiza, tal e como apuntou Goretti Sanmartín.
A secretaria nacional de Implantanción e Estratexia Municipal puxo de manifesto que a imputación a Velaluz é "indigna" e sinalou que obxectivo desta causa é amedrentar e silenciar as vítimas do terrorismo machista. Advertiu de que o BNG non consinte que sexan as propias vítimas e as activistas as que estean desprotexidas e anunciou que as nacionalistas seguirán a denunciar as malas praxes, o incumprimento da normativa e a coacción, ameaza e intimidación coa que se trata as menores e as mulleres vítimas do terrorismo machista.