O atraso no pago da débeda cos provedores é maior da sinalada ao Ministerio de Facenda
A Coruña, 26 de novembro de 2014.- O BNG advirte que, con certeza, o atraso no pago da débeda cos provedores é maior da sinalada ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, xa que os datos que se remitiron do mes sobre o mes de setembro refírense a facturas confirmadas e contabilizadas polos xestores. Deste xeito, non se teñen en conta aquelas outras facturas remitidas polos acredores e recibidas no concello mais que están pendentes de confirmación por parte dos xestores.
Esta situación xa a puxo en evidencia o propio interventor municipal na liquidación orzamentaria de 2013, cando afirmou que dos 5,37 millóns de euros de facturas sen pagar (ou no caixón), había 2,10 millóns de euros que a 31 de xaneiro de 2014 nin sequera foran contabilizadas porque aínda non foran aceptadas polos órganos xestores. Así, no primeiro modificativo de crédito de 2014 houbo 3,81 millóns de euros destinados para pagar facturas que quedaron pendentes de aplicar ao orzamento de 2013 e, por tanto, non foron aboadas aos provedores en 2013, nin se contemplaron no orzamento de 2014.
Alén disto, as nacionalistas, sinalan que os datos achegados onte por Montoro, poñen en evidencia o Goberno Local e o seu concelleiro Roberto Coira. Este, días atrás, despois da aprobación en Xunta de Goberno Local dos orzamentos para 2015, e xa enviados os datos do mes de setembro ao Ministerio, insistía que a cidade da Coruña era das urbes do Estado que pagaba en menos tempo aos seus provedores, cando os datos mostran que supera todas as grandes cidades do Estado no tempo de pago aos seus provedores.