O BNG denuncia a falta de información sobre os cambios nas liñas dos buses urbanos
A Coruña, 25 novembro de 2014- O Grupo Municipal do BNG denuncia a falta de previsión e de información en relación ao cambio que sofren desde hoxe determinadas liñas de autobuses urbanos. As molestias ocasionadas ás persoas usuarias (que perderon autobuses que collían acotío) veñen motivadas polo desleixo do Goberno do Sr. Negreira e da Compañía de Tranvías, que non informaron correctamente das modificacións que teñen lugar desde hoxe.
A irresponsabilidade do Goberno local foi tal que aínda ás 12.10h desta mesma mañá se estaban a colocar cartaces nas paradas do autobús de Federico Tapia nas que informaban dos cambios nos itinerarios. Ademais, boa parte dos autobuses afectados polas modificacións nin sequera contiñan información sobre os novos itinerarios. De feito, ante a presión das usuarias e usuarios, condutores de autobuses víronse na obriga de lles pedir cartaces ás persoas que estaban informando nas paradas do autobús de Federico Tapia.